Vigo acollerá a 61ª edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia os días 7 e 8 de marzo

A cidade será escenario os vindeiros 7 e 8 de marzo da 61ª edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia, que se celebrará na Porta do Sol e na Rúa do Príncipe cun formato renovado respecto ás edicións anteriores.

O alcalde, Abel Caballero, explicou que o Concello de Vigo aposta este ano por unha formulación diferente, coa instalación dunha gran carpa na Porta do Sol que acollerá a exposición das flores a concurso, a realización de talleres e a creación dun xardín temático baixo o nome de Sireno.

Ademais, a programación estenderase ao espazo urbano coa colocación de doce paneis informativos ao longo da rúa do Príncipe, nos que se ofrecerán curiosidades, información cultural e divulgativa arredor da camelia, unha flor estreitamente vencellada á identidade da cidade.

“Vigo é unha cidade de camelia”, subliñou o rexedor, quen destacou que esta nova edición da mostra estará especialmente centrada en reforzar a identificación da cidade con esta especie ornamental, converténdoa nun elemento de referencia cultural, patrimonial e turística para a cidadanía e para as persoas visitantes.