Luisa Sánchez visitou o equipo de As Celtas e destacou que as subvencións poden cubrir ata o 100% da matrícula de dous cursos oficiais
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou ás mulleres da provincia a solicitar as axudas destinadas á formación en adestramento, arbitraxe e xulgamento deportivo, dotadas con 25.000 euros e cun prazo aberto ata o 17 de novembro.
Axudas para impulsar a igualdade no deporte
Durante unha visita ás instalacións da Madroa, onde se reuniu co corpo técnico e as xogadoras de As Celtas, Sánchez explicou que estas achegas permiten sufragar ata o 100% da matrícula de dous cursos oficiais ou federativos, cun importe máximo de 600 euros por formación.
As subvencións poden destinarse tanto a títulos oficiais de adestradora, técnica, xuíza ou árbitra, como ás formacións federativas iniciadas en 2025 que capaciten para adestrar deportistas en idade escolar e participar en competicións federadas. As matrículas deben realizarse neste exercicio e os estudos rematarse antes de finais de 2025 ou durante o curso 2025/2026.
Un programa en crecemento
A vicepresidenta avanzou que o orzamento provincial de 2026 incluirá un incremento do 20% nesta liña de apoio, que pasará a 30.000 euros, consolidando a aposta pola igualdade de oportunidades no deporte.
O pasado ano beneficiáronse destas axudas 84 mulleres de 21 concellos da provincia. As solicitudes poden presentarse na Sede electrónica da Deputación ou de maneira presencial, e as bases completas están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

