As entidades beneficiarias contribúen á dinamización cultural e á revitalización de barrios e parroquias
A Deputación de Pontevedra destinará 30.131 euros a sete escolas de música de Vigo pertencentes a asociacións sen ánimo de lucro, segundo anunciou a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, durante unha visita ao Ateneo Musical de Bembrive, unha das entidades beneficiarias e recentemente galardoada co segundo posto no Certame Galego de Bandas de Música celebrado en Pontevedra.
As axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, benefician tamén á Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia, a Asociación Banda de Música Unión Musical de Valladares, a Asociación Veciñal Val do Fragoso, a Banda Escola de Música de Beade, a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida e á Unión Musical de Coruxo.
Un motor de inclusión e dinamización social
Sánchez destacou o papel destas escolas como “un motor fundamental que contribúe á inclusión e á revitalización de barrios e parroquias”, ademais de ofrecer formación accesible a persoas de todas as idades e niveis. “Promoven a cultura e a tradición, fomentan o desenvolvemento persoal e artístico e crean puntos de encontro que fortalecen o tecido social”, subliñou.
Vigo, a cidade con máis fondos e agrupacións beneficiarias
Vigo é o concello que recibe a cuarta parte dos fondos totais que a Deputación dedica a apoiar escolas de música en toda a provincia, cun investimento global de 120.000 euros. As contías individuais das subvencións oscilan entre os 3.500 e os 4.900 euros, que permitirán afrontar gastos de persoal, material, reparación de instrumentos e conservación de locais, entre outros.
Con este programa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio á educación musical como ferramenta de cohesión social e dinamización cultural nas parroquias viguesas.

