A Policía Local de Mos impulsa un programa educativo nos colexios para promover a seguridade viaria entre o alumnado

A Policía Local de Mos, en colaboración coa Concellería de Educación e Participación Cidadá, acaba de poñer en marcha unha iniciativa formativa nos centros escolares do municipio dentro do seu Plan Integral de Seguridade Viaria, co obxectivo de fomentar unha mobilidade máis segura, responsable e respectuosa entre os máis novos.

A primeira das sesións celebrarase o 11 de novembro, e as charlas estarán dispoñibles para todos os centros educativos de Mos que desexen participar. A proposta, de carácter didáctico e preventivo, adapta os contidos ás diferentes etapas educativas —desde Primaria ata Secundaria— para garantir unha aprendizaxe eficaz e próxima á realidade do alumnado.

Educación viaria desde idades temperás

No caso de Educación Primaria, as actividades —cunha duración aproximada de 60 minutos— están dirixidas ao alumnado de 4º e 5º curso, idades nas que comezan a desprazarse con maior independencia. Nestas sesións ensinaráselles as normas básicas de seguridade viaria, tanto como peóns e pasaxeiros, como futuros condutores, poñendo o foco no respecto ás normas, a convivencia e a prudencia.

As charlas procuran previr accidentes a través do coñecemento das sinais de tráfico, o desenvolvemento de hábitos seguros e responsables e a adquisición de autonomía na toma de decisións viarias.

Prevención e conciencia social en Secundaria

Pola súa banda, a unidade didáctica destinada ao alumnado de Educación Secundaria céntrase nunha etapa clave para consolidar hábitos de mobilidade segura e previr condutas de risco, como o consumo de alcohol e outras substancias. A combinación de educación viaria e prevención busca reducir accidentes, mellorar a saúde e fomentar unha cidadanía máis consciente e responsable.

Obxectivos e valores

Entre os obxectivos principais do programa atópanse:

  • Coñecer as normas básicas de circulación peonil, ciclista e de vehículos.
  • Potenciar a mobilidade segura en ámbitos urbanos e interurbanos.
  • Analizar os riscos do consumo de alcohol e drogas e a súa relación cos accidentes de tráfico.
  • Desenrolar habilidades de toma de decisións seguras e autónomas.
  • Fomentar valores de respecto, responsabilidade, solidariedade e prudencia.

Con esta iniciativa, a Policía Local de Mos reforza o seu compromiso coa educación en valores, a seguridade e a prevención, contribuíndo á formación da mocidade e á construción dun concello máis seguro, cívico e responsable.