A Audiencia Provincial de Pontevedra ordena o seu ingreso inmediato en prisión tras esgotarse os recursos e non facelo de maneira voluntaria
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, vén de emitir unha orde de busca, detención e ingreso en prisión contra a educadora social condenada a 11 anos de cárcere por un delito continuado de abuso sexual a unha menor que residía nun fogar de acollida en Redondela.
A muller, que permanecía en liberdade mentres recorría a sentenza, esgotou sen éxito todas as vías xudiciais posibles, xa que a condena foi ratificada tanto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como polo Tribunal Supremo. Con todo, durante ese tempo, seguía acudindo periodicamente ao xulgado por outro procedemento no que tamén está investigada por abusos sexuais.
Decreto de ingreso voluntario e orde de detención
En abril deste ano, a Audiencia ditou un decreto que lle ofrecía a posibilidade de ingresar voluntariamente en prisión. Sen embargo, tras presentar varios recursos e manobras xurídicas para adiar a súa entrada no cárcere, o tribunal ordenou finalmente, en maio, a súa localización e detención.
Abusos a unha menor en situación de desamparo
Os feitos polos que foi condenada remóntanse aos anos 2018 e 2019, cando a vítima tiña 13 anos. A Audiencia considerou probado que a educadora, aproveitando a súa posición e o estado de vulnerabilidade e desamparo da menor, gañou a súa confianza e iniciou unha relación que incluíu contactos sexuais.
Esa relación continuou mesmo despois de que a educadora fose expulsada do centro, evidenciando, segundo o tribunal, unha grave transgresión da súa responsabilidade profesional e da protección que debía garantir á menor.
Once anos de cárcere e inhabilitación para traballar con menores
Ademais dos 11 anos de prisión, a condenada foi sentenciada a cinco anos de inhabilitación para exercer calquera profesión que implique contacto con menores, así como á prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 15 anos.
A resolución xudicial tamén establece a liberdade vixiada durante oito anos unha vez cumprida a condena, e a obrigatoriedade de realizar un curso de reeducación sexual. O tribunal fixou ademais unha indemnización de 8.000 euros á vítima polos danos sufridos.
A orde de detención emitida agora pretende garantir o cumprimento efectivo da sentenza, despois de meses de demora e intentos de dilación por parte da procesada.

