A Deputación mobiliza esta semana a preto de 500 persoas en novas excursións do programa +Convivencia

Asociacións de sete concellos participarán en visitas a enclaves singulares como Santa Trega, San Simón ou a Toxa

O programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra levará esta semana a 485 persoas de sete concellos da provincia a realizar dez novas excursións a espazos emblemáticos como a illa de San Simón, o castro de Santa Trega ou o Pazo de Lourizán. As actividades están dirixidas a asociacións sen ánimo de lucro dos municipios de Vigo, A Lama, Tui, Moraña, Caldas de Reis, Ponte Caldelas e Vilagarcía de Arousa.

As saídas máis numerosas terán lugar durante a fin de semana. O sábado, 55 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir visitarán a illa da Toxa desde Moraña, mentres que o domingo outras dúas asociacións sairán desde Vilagarcía: a Asociación Mulleres Rurais Anduriña cara a Santa Trega, e a Coral Rosalía de Castro para coñecer a illa de Tambo e o Pazo de Lourizán.

A actividade arrincará o martes coa participación da Fundación Juan Soñador de Vigo, seguida por colectivos como a Banda de Música Popular de Tui ou a Fundación Aldaba. Ademais, o programa ofrece ata 1.200 euros por entidade para organizar as actividades, o que supón un incremento respecto á edición anterior, impulsando tamén a economía local a través da contratación de servizos de proximidade.