Ciencia Brillante, co seu concurso de luces de nadal científicas, resultou seleccionado como proxecto destacado dunha Unidade de Cultura Científica e da Innovación
A iniciativa, recibiu este curso a preto de 200 alumnas e alumnos de secundaria e bacharelato da área sanitaria de Vigo e 65 candidaturas ao seu certame de luces de nadal científicas
A iniciativa de divulgación Ciencia Brillante, co seu concurso de deseño de luces de nadal científicas, resultou escollida como proxecto destacado en Comcired 2025, o encontro anual das Unidades de Cultura Científica e da Innovación organizado pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, innovación y Universidades) e que acolleu a Universidade de Cádiz os pasados 5 e 6 de xuño.
Ciencia Brillante forma parte do Plan Anual de Cultura Científica do IIS Galicia Sur, un programa que se desenvolve durante todo o curso con diferentes iniciativas e actividades e que está liderado pola súa Unidade de Cultura Científica (UCC+I) que conta con Leonor Parcero como responsable. A actividade son dunha serie de obradoiros nos laboratorios do IIS Galicia e un certame de deseño de luces de nadal científicas no que se convoca alumnado de secundaria e de bacharelato e que neste curso celebrou a súa segunda edición.
Sobre Ciencia Brillante
As actividades de Ciencia Brillante celebráronse durante o curso que estamos a piques de rematar, recibindo no IISGS a preto de 200 mozas e mozos de centros de secundaria e bacharelato que participaron nos obradoiros e con 65 candidaturas con deseños de luces de nadal científicas, obra de 116 alumnos e alumnas.
Os obradoiros, eminentemente prácticos, amosaban aos participantes o uso da luz e a cor na investigación biomédica e en medicina: traballaron facendo medicións de PH, no microscopio confocal, aprendendo sobre o concepto de fluorescencia, con láseres, sobre imaxe médica… e tamén sobre que perfil profesional teñen as persoas que traballan no IIS Galicia Sur e como poden elas e eles dedicarse á investigación no futuro.
No caso das luces de nadal, trátase dun concurso de deseño no que as persoas participantes debían enviar un debuxo dunha luz de nadal que representara un concepto científico, unha ferramenta ou dispositivo relacionados coa biomedicina e un texto que explicase por qué consideran importante que toda as persoas o coñezan. Nesta segunda edición do certame, resultaron gañadoras 6 alumnas de diferentes centros vigueses, que presentaron 3 deseños candidatos, dous deles realizados en equipo e outro individualmente. Representan un matraz Eldenmeyer moi festiva, un ollo e unha célula e unha neurona que brilla canda Papa Noel e o seu trineo e foron seleccionadas de entre 65 candidaturas. “Neste concurso compiten cativos de 1º de ESO con alumnado de bacharelato e todos teñen opción de gañar. Este ano, as gañadoras foron de 1º, de 4º ESO e de bacharelato, amosando que as boas ideas, a creatividade e a curiosidade científica non teñen idade”, sinala Parcero.
Os tres deseños foron adaptados a luces LED de nadal, producidos e expostos no Centro Comercial Vialia Estación de Vigo durante todas as festas e actualmente están nas instalacións do IIS Galicia Sur no Hospital Álvaro Cunqueiro. As luces estarán expostas xunto coas gañadoras da primeira edición en diferentes zonas do hospital durante o vindeiro curso.

