Co lema “Desenmascaremos o seu atractivo”, profesionais sanitarios alertan sobre os riscos do tabaquismo e denuncian as tácticas da industria para enganchar a novos consumidores
O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu este venres unha mesa informativa con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra o 31 de maio, coa intención de concienciar á cidadanía sobre os efectos nocivos do tabaco e visibilizar o labor asistencial que se realiza nas consultas especializadas do centro para axudar ás persoas a deixar de fumar.
Durante a xornada, profesionais dos servizos de Pneumoloxía, Rehabilitación Cardíaca e Medicina Preventiva ofreceron información no vestíbulo principal de Consultas do hospital, asesorando á poboación interesada e explicando os recursos dispoñibles para acompañar o proceso de abandono do tabaco.
“Desenmascaremos o seu atractivo”: frear o engano da industria
Baixo o lema “Desenmascaremos o seu atractivo”, a campaña deste ano busca desvelar as estratexias das industrias do tabaco e da nicotina para facer que os seus produtos parezan inofensivos ou mesmo desexables, especialmente entre a mocidade. A promoción de produtos como o cigarro electrónico, o tabaco quentado ou as bolsas de nicotina está detrás dun preocupante incremento do consumo en idades temperás.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) alerta de que o tabaco é a principal causa evitable de morte e enfermidade, e que a metade dos fumadores actuais morrerá por enfermidades asociadas ao seu consumo. A presentación “atractiva” destes novos produtos busca fidelizar a unha nova xeración de consumidores, dificultando o abandono e prolongando a exposición a substancias altamente nocivas.
O 20% da poboación galega fuma a diario
En Galicia, segundo os últimos datos da enquisa IDADES 2024 do Ministerio de Sanidade, un 20 % da poboación maior de 16 anos fuma a diario, cifra que se eleva ao 25 % a nivel estatal. Ademais, máis da metade dos estudantes entre 14 e 18 anos recoñece ter consumido cigarros electrónicos nalgún momento.
Fronte a esta realidade, o Hospital Álvaro Cunqueiro conta con tres consultas especializadas para deixar de fumar: unha no servizo de Pneumoloxía, outra na Unidade de Rehabilitación Cardíaca e unha terceira, dende Medicina Preventiva, enfocada ao persoal traballador. Esta oferta complementa o traballo realizado dende Atención Primaria, configurando un dispositivo integral para loitar contra o tabaquismo desde o sistema sanitario público.

