“Levamos máis de 30 anos esperando” comezou o rexedor o seu discurso no que deu conta das xestións desenvolvidas desde o goberno municipal para conseguir “iniciar unha grande transformación nunha gran avenida da cidade”.
O alcalde trasladou a súa “satisfacción absoluta” ante unha humanización da Avenida de Madrid que supoñerá o aumento dun 50% da superficie de uso peonil, a creación de zona verde e unha medianeira verde, que permitirán retirar os “molotes de cemento” que configuran a actual vía. Será unha “avenida moi permeable, que non é so para vehículos senón que é tamén para as persoas, unha avenida para quen a vive e a camiña”.
A obra de remodelación ten un orzamento de 16,8 millóns de euros, que financia o Goberno de España nun 70%, achegando 11,7 millóns de euros, mentres o Concello achega 5,1 millóns. Caballero destacou que coa súa chegada á alcaldía, no ano 2011, iniciou as conversacións co Goberno do Estado acordando unha “reforma insuficiente”, que posteriormente, logo de “moito tempo de traballo”, mellorou co goberno de Pedro Sánchez.
O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o investimento do Goberno de España nesta actuación de 2,37 quilómetros de longo e case 17 millóns de euros, un exemplo da resposta estatal ás demandas da veciñanza para construír un “Vigo máis accesible, sostible e pensado para viguesas e vigueses”. Blanco dirixiuse ao alcalde para reiterar que “o Goberno de España está ao teu lado con investimentos, infraestruturas e modernizando a cidade. Seguiremos traballando para seguir facendo o que queda por facer”.

