A Deputación presenta “Xuventude en Palabras”, o libro que recolle o talento literario da mocidade pontevedresa

A publicación reúne os 42 traballos premiados nos certames de narrativa e poesía dos Premios Provinciais á Xuventude desde 2017

O Salón de Plenos do Pazo provincial de Pontevedra acolleu este xoves a presentación do libro Xuventude en Palabras, unha obra que compila os 42 traballos gañadores nos Premios Provinciais á Xuventude na categoría de narrativa e poesía desde o ano 2017 ata 2024. O acto estivo presidido polo titular da Deputación, Luis López, quen destacou que esta publicación “avala o talento e a sensibilidade da mocidade da provincia” e xustifica a aposta do goberno provincial pola creación dun servizo específico de Xuventude.

Acompañado polo deputado Jorge Cubela, o presidente fixo entrega dun exemplar da obra aos autores asistentes e participou nun coloquio xunto a cinco dos gañadores: Pedro Rodríguez Villar, María Teresa Pereiro Pereiro, Brais Suárez González, Eva Pena Fandiño e Fabio Rivas Pardo. “Este libro énchenos de razóns para seguir avanzando nunha liña pioneira que puxemos no goberno da Deputación”, afirmou López, quen tamén asina o prólogo da publicación.

Durante o acto, Cubela puxo en valor o carácter moderno, innovador e mesmo transgresor das voces que compoñen este volume, que reúne a obra de 27 mozos e mozas que acadaron os tres primeiros postos nas oito edicións celebradas do certame.

López aproveitou a ocasión para repasar os programas impulsados pola Deputación no eido da mocidade, como as subvencións +Xuventude, as becas de prácticas laborais na UE, a iniciativa O teu Espazo Xuvenil ou a celebración do festival Pontevedra Literaria. Tamén lembrou que está aberto o prazo para participar na novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude, que repartirá 36.000 euros en premios e contará con doce categorías.

“Un altofalante para seguir demostrando que a xuventude ten moito que dicir e moito que aportar para a construción da provincia de mañá, pero tamén na de hoxe”, concluíu o presidente provincial.