200 futuras e futuros residentes achegaronse ao Hospital Álvaro Cunqueiro á 7ª xornada de portas abertas

É a cifra de asistentes máis alta desde que se realizan estas xornadas

O Xerente da Área Sanitaria, o Dr. Francisco Javier Puente Prieto, deulles a benvida e convidoulles a desenvolver esta residencia nas diferentes opcións existentes na estrutura organizativa da Área Sanitaria de Vigo, á que define como “A máis extensa e cun dos mellores equipamentos e persoal facultativo para realizar esta formación”

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, deu a benvida na mañá de hoxe ás 200 mozas e mozos que se achegaron á 7ª Xornada de Portas Abertas realizada na mañá de hoxe no Hospital Álvaro Cunqueiro, co fin de que as futuras e futuros residentes que desexen desenvolver a súa actividade en centros desta Área Sanitaria obteñan unha maior información previa a súa elección de praza e resolver calquera dúbida que puideran ter ao respecto.

Nesta xornada, organizada pola comisión de Docencia da Área Sanitaria de Vigo, o xerente fixo fincapé “No conxunto de excelentes profesionais que traballan nesta Área Sanitaria, que supoñen o principal valor para a vosa formación e que están predispostos a acompañarvos e axudar a que vosa formación como futuros profesionais da saúde sexa a máis adecuada”. Así mesmo, Javier Puente destacou que a elección de realizar a residencia nesta área sanitaria supón facelo “Na máis extensa da comunidade autónoma e cunha excelente dotación, que contribuirá notablemente a vosa formación”.

Nesta actividade formativa, amósaselles as actividades máis destacadas que poden desenvolver ás e aos futuros residentes dentro da súa especialidade, así como os programas formativos, a supervisión e a titorización que poderán realizar nas diferentes unidades da estrutura organizativa da Área Sanitaria de Vigo, composta polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro, Hospital Meixoeiro e Hospital Nicolás Peña), os 45 centros de saúde, os 8 consultorios e os 10 Puntos de Atención Continuada que a conforman.

Formación e investigación

Trala súa intervención, comezou a parte informativa da xornada a cargo da Dra. María Victoria Martín Miguel, xefa de Estudios na Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria de Vigo que expuxo o contido da formación dos e das residentes en Atención Primaria.

Posteriormente, a Dra. Mónica Martínez Fernández e o Dr. Samuel García Pérez, do equipo científico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, falaron da compatibilidade de desenvolver labores de investigación e científicos na Área sanitaria de Vigo no IISGS, no período de residencia, así como as posibilidades de compatibilizar o traballo para facer unha tese doutoral neste mesmo espazo de tempo.

Finalmente, o Dr. Eduardo Murias Taboada, presidente da Comisión de Docencia, expuxo con maior detalle en que vai a consistir a súa formación como residentes. Neste espazo, participaron tamén residentes actuais que comentaron o tipo de traballo e a súa experiencia persoal á hora de desenvolver a súa residencia en diferentes servizos médicos por especialidades e servizos.

Visitas guiadas

Ao finalizar esta parte mais teórica, as persoas que se achegaron para informarse das posibilidades do desenvolvemento da súa residencia na Área sanitaria de Vigo percorreron, acompañados por persoal que está realizando a súa residencia actualmente no Hospital Álvaro Cunqueiro, diferentes servizos por especialidades, co fin de comprobar de primeira man onde e como desenvolverían a súa residencia. Nesta ocasión acudiron 147 MIR, 10 EIR, 17 PIR Psiquiatría, 6 PIR Clínica, 13 FIR Farmacia Hospitalaria e 7 para Radiodiagnóstico.