A Xunta licita por 127.000 euros a adquisición de dúas lavadoras para a central de esterilización da Área Sanitaria de Vigo no hospital Meixoeiro

As empresas interesadas terán ata o día 9 de abril para presentar as súas ofertas

Prestarán servizo ao bloque cirúrxico e ao resto de unidades asistenciais

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica hoxe no Portal de Contratos Públicos a adquisición de dúas lavadoras para a central de esterilización da área sanitaria de Vigo no Hospital Meixoeiro, por un importe de 127.000 euros.

A licitación deste contrato responde á necesidade de adquirir dúas lavadoras, para substitución das ata agora dispoñibles, con destino á Central de Esterilización da área sanitaria de Vigo que presten servizo, tanto ao bloque cirúrxico como ao resto de unidades asistenciais que necesiten desta prestación, de maneira que a central estea completamente operativa e con capacidade suficiente para atender toda a demanda da actividade asistencial.

Os pregos do contrato establecen as características técnicas das lavadoras, que deben ser  termodesinfectadoras, de dobre porta de apertura automática para a separación de zonas, o que permitirá crear barreira sanitaria. Terán, así mesmo, sistemas para procesado de material sensible e con realización de tempo total de ciclo de lavado, desinfección e secado nun máximo de 45 minutos.

Ademais, deberán poder conectarse ao actual sistema de xestión e trazabilidade existente na central de esterilización, con saída de datos a través de Ethernet, posibilitando a conexión en tempo real do proceso de lavado co sistema existente. Incluirán, igualmente, todos os sistemas de seguridade necesarios, principalmente a apertura simultánea de portas, evitando o contacto entre as zonas limpa e sucia e a detección de obstáculos para evitar atrapamentos de accesorios.

Ademais disporán dun sistema de carga e descarga automática compatible co existente na central de esterilización e deberán poder conectarse á infraestrutura informática do Servizo Galego de Saúde.

O contrato inclúe o montaxe e a instalación, tendo en conta que as medidas se axustarán aos espazos dispoñibles na actual liña de lavado, incluíndo todos os elementos e medios necesarios para este fin. As empresas interesadas nesta licitación terán ata o día 9 de abril para presentar as súas ofertas.