Abel Caballero afirmou durante a primeira reunión do goberno local organizada no Pazo de Raposeira que “somos conscientes do inmenso apoio que nos dá a cidade e continuaremos respondendo”
Dous días antes do apagado das luces previsto o vindeiro domingo, o alcalde referiuse ao período de Nadal como un un éxito incontestable
O Pazo de Raposeira será “un lugar de utilización para a cidade”, resaltou o rexedor olívico, explicando que “queremos que a cidadanía solicite a utilización dos espazos públicos desta xoia arquitectónica”. Así o dixo durante a celebración do primeiro encontro do goberno local organizado neste edificio municipal recentemente rehabilitado.
Abel Caballero explicou aos medios de comunicación que, nesta reunión, o goberno local realizou unha valoración política da situación de Vigo, destacando «unha estabilidade política que todos os concellos de Europa envexan”. “Levamos 18 presupostos consecutivos” o que significa “o avance da cidade e a posibilidade de programar este avance».
Futuro
O alcalde realizou un repaso aos grandes proxectos de cidade para este 2025, comezando porque “de forma inmediata se aprobará o PXOM” e posteriormente “contaremos cun desenvolvemento moi importante en vivenda, sendo axentes activos dende o goberno de Vigo”. Tamén se referiu ao alugueiro, no que o municipio conta con 13.000 vivendas baleiras, sobre as que Caballero indicou que nestes intres “iniciamos un programa de potenciación do mercado a través de apoios a reformas e seguros de alugamento” e “seguiremos traballando nesa liña”.
As humanizacións na cidade “continuarán a maior velocidade”, así como os proxectos do Vigo Vertical, no que en breve arrincaremos coas ramplas da Gran Vía, da Praza de America á Praza de España. Destacou a inversión que se realizará na piscina de Teis, que custará case 7 millóns de euros. No ámbito cultural, referiuse aos avances na Biblioteca do Estado e aá Biblioteca de Teis. Tamén fixo referencia á política social e educativa, na que o Concello de Vigo realiza un enorme investimento.
“En breve arrincamos a reforma da Avenida de Madrid”, unha obra que “pasará de ser a estrada de acceso a Vigo a unha gran avenida”. “Como alcalde de Vigo pido a gratuidade da AP-9” e pediu “celeridade total na eliminación do peaxe con Pontevedra” xa que “somos unha gran área urbana e temos problemas de conexión”.
Caballero tamén se referiu ás tres grandes demandas da cidade. Sobre a conexión de Alta Velocidade entre Vigo e Porto, explicou que o Goberno de España garante o 2030, pero “existen dúbidas de que Portugal chegue a tempo”. Congratulouse do gran avance realizado co desenvolvemento da autovía en túnel de Vigo a Porriño e recalcou que a gran demanda da cidade “é o a conexión directa en tren a Madrid por Cerdedo”.

