A actuación consistirá na substitución da carpintería exterior de aluminio e do panel de fachada, así como na renovación do novo sistema de impermeabilización das cubertas para evitar filtracións de auga
As obras, cun prazo de execución de tres meses, inclúen tamén a substitución do falso teito da zona de aparcadoiro e reparacións nos accesos e na zona das caldeiras
A Xunta está a investir 9 M€ na mellora da sanidade pública de Moaña, onde constrúe un novo centro de saúde e comezará a operar proximamente unha nova ambulancia de soporte vital avanzado en enfermería
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de adxudicar á empresa Citanias Obras y Servicios, por importe de 397.988 euros, as obras de reforma do centro de saúde de Domaio, no concello de Moaña.
Os traballos que está previsto levar a cabo consistirán na disposición dun novo sistema de impermeabilización das cubertas para evitar filtracións de auga. Tamén se procederá á substitución da carpintería exterior de aluminio e do panel de fachada, á substitución do falso teito na zona de aparcadoiro, á reparación das armaduras dos piares e rampla de acceso, á substitución de varanda e disposición de novo pavimento na rampla de acceso e á protección das caldeiras fronte a posibles inundacións.
O edificio que alberga o centro de saúde está recoñecido polo seu valor arquitectónico no Museo de Arquitectura de España, polo que é preciso que a intervención se leve a cabo conxugando o propio valor do edificio coas solucións ás carencias detectadas.
O prazo de execución dos traballos será de tres meses.
Esta actuación forma parte do importante esforzo que está a realizar a Xunta de Galicia por mellorar a sanidade pública de Moaña, onde actualmente está en execución un novo centro de saúde, na parroquia de Sisalde. Ese novo equipamento sanitario, no que a Consellería de Sanidade está a investir 8,3 M€, cofinanciado con fondos europeos do programa operativo Feder, estará rematado na primavera de 2025. Dese xeito, o Goberno galego está a investir preto de 9 M€ na sanidade pública de Moaña onde, tal e como anunciou o pasado martes o conselleiro de Sanidade, está previsto que comece a operar unha nova ambulancia de soporte vital avanzado en enfermería, que reforzará a capacidade de asistencia durante todo o ano.

