A posta en marcha destas axudas “chega tarde” e rebaixouse de 50 a 40 millóns de euros, moi lonxe da demanda de 400 millóns realizada polo propio sector, sinalou o deputado popular Miguel Fidalgo
O Parlamento de Galicia aprobou onte a proposición non de lei do Grupo Popular, co único voto en contra do PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España que incremente os fondos anunciados para o PERTE da cadea mar-industria e axilice a súa activación para que o sector poda acometer novos investimentos.
O deputado popular Miguel Fidalgo lembrou que o ministro de Industria e Turismo anunciou o pasado mes de xaneiro a posta en marcha dun PERTE para a cadea mar-industria, que contaría cun orzamento de 50 millóns de euros. “Lamentablemente, pasados uns meses este importe reduciuse a 40 millóns de euros, unha cifra totalmente insuficiente para atender a demanda de 400 millóns de euros realizada polo propio sector, e moi lonxe dos máis de 1.000 millóns de euros que se dedican ao PERTE agroalimentario”, engadiu.
Relevancia económica
“O Goberno de Pedro Sánchez non parece ter en conta a relevancia económica que representa o conxunto da cadea mar-industria, que so en Galicia conta cunha facturación de 9.000 millóns de euros anuais e emprega a 50.000 persoas”, concretou.
Deste xeito, Miguel Fidalgo lamentou que este PERTE “chega tarde, porque a realidade é que tres aos despois da posta en marcha destes fondos europeos aínda non chegou o primeiro euro á cadea mar-industria”.
O deputado popular manifestou que “desde o Partido Popular de Galicia e desde o sector séguese a reclamar unha resposta para as industrias do mar desde o Goberno de España, e, mentres iso non se leva a cabo, a Xunta seguiu, segue e seguirá apoiando a este sector transformador de produtos do mar para que continúe avanzando na senda da innovación e a mellora da súa competitividade”.
Así, destacou que, ao contrario do que fixo o Estado, “este sector estivo entre os beneficiarios das axudas extraordinarias do Goberno galego para paliar as consecuencias da guerra de Ucraína, coa metade dos preto de 15 millóns de euros habilitados en total, ao tempo que as axudas da Xunta á competitividade da cadea mar-industria roldan os 80 millóns de euros nos catro últimos anos”.

