A fronte nacionalista denunciou no Pleno a permanente inexecución dos presupostos, despois de que o propio Goberno municipal recoñeza no marco orzamentario 2025-2027 que este ano deixarán sen gastar, como mínimo, case o 20% do capítulo de persoal e máis do 40% dos investimentos previstos
Xabier P. Igrexas: “Non é aforro nin eficiencia, é incapacidade e falla de xestión. Desde 2019 son case 500 millóns de euros de necesidades desatendidas e de promesas incumpridas”
O Bloque Nacionalista Galego criticou no Pleno do Concello de Vigo, celebrado esta mañá, a permanente inexecución dos presupostos municipais. Na sesión, deuse conta tanto do informe de execución do primeiro trimestre deste exercicio como tamén do marco orzamentario 2025-2027. Precisamente nese último documento, o Goberno municipal de Abel Caballero recoñece que, como mínimo, este 2024 quedarán sen gastar case o 20% do capítulo de persoal e máis do 40% dos investimentos previstos.
“O Goberno de Abel Caballero promete moito pero fai pouco, moi pouco”, reprochou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que desde o ano 2019 o Concello acumula unha inexecución de case 500 millóns de euros. Só no pasado exercicio 2023 non se gastaron 152 millóns de euros.
“Non é aforro nin eficiencia, é incapacidade e falla de xestión. Son case 500 millóns de euros de necesidades desatendidas e de promesas incumpridas”, subliñou lembrando que a consecuencia desta política o Concello ten máis de 200 millóns de euros en remanentes que corren o risco de ser inmobilizados coa entrada en vigor, nos vindeiros meses, das regras fiscais suspendidas desde 2020.
Igrexas rexeitou o marco orzamentario trazado polo Goberno municipal por insistir en “máis do mesmo” en lugar de definir unhas contas que atendan as necesidades reais da cidade. O que precisa a cidade, apuntou, é mobilizar os recursos do Concello para acabar co abandono dos barrios e parroquias, aumentar o gasto social para atender a quen máis o necesita, poñer fin á desertización cultural, deixar de “castigar” á mocidade desmantelando toda a política xuvenil da cidade e poñendo fin ao “calamitoso” estado das instalacións deportivas. Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista reclamou a posta en marcha duns “orzamentos participativos” para o vindeiro exercicio que deixen atrás a “xordeira autoritaria e as contas do día da marmota”.
Desmantelamento do Concello
Nun dos capítulos nos que máis incidiu Igrexas foi na crítica ao “desmantelamento do propio Concello de Vigo” que se está a producir, segundo sinalou, a través da crecente privatización de servizos municipais. A este respeito, o edil lembrou que son case 300 as prazas de persoal municipal pendentes de adxudicar pola inexecución das Ofertas Públicas de Emprego desde 2017, ao tempo que se avanza en derivar á xestión privada servizos como a conserxaría dos colexios públicos ou se impón a realización de horas extra.
Para o BNG aí está a causa de que moitos servizos municipais estean ao borde do colapso por falla do persoal necesario. Citando como principais exemplos a situación límite que se vive nos servizos sociais, onde as traballadoras sociais atenden o duplo da poboación da fixada por lei e con esperas de máis de 8 semanas para unha cita, as demoras insufríbeis na xestión da oficina do Padrón municipal ou o feito de que a cidade “continúe a non ser segura por non dispor do número de bombeiros que necesita”.
Igrexas tamén denunciou a “falla de control efectivo” das contratas e concesionarias municipais, que xa consumen preto de 2 de cada 3 euros do orzamento. “O Concello de Vigo está a pagar a empresas privadas por menos servizo do que teñen contratado e faino a sabendas”, alertou. Aliás, volveu criticar a decisión “abertamente ilegal” do Goberno de Abel Caballero de non constituír a Comisión de Vixilancia da Contratación, a pesar de ser legalmente obrigatoria. “Non sabemos exactamente que é o que non queren que poidamos fiscalizar, pero o que é máis preocupante non sabemos porqué nin a cambio de que o fan”, espetou o nacionalista no Pleno.

