A fronte nacionalista formula unha ampla batería de emendas parciais, que recollen demandas do tecido asociativo e da veciñanza, fronte a un Goberno municipal que “non ten nada máis que ofrecer” e fronte á «emenda de devolución do PP»
As propostas articúlanse sobre 8 grandes eixos: avanzar cara a unha cidade igualitaria e socialmente xusta, que atenda como merecen os seus barrios e parroquias, con máis e mellores servizos públicos, moito máis verde e sustentábel, con máis cultura e deporte e con alternativas para a mocidade
Xabier P. Igrexas: “Estas emendas son a expresión dunha alternativa política que quere dar resposta as moitas viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo presenta 138 alternativas aos orzamentos “máis do mesmo” de Abel Caballero para 2024, que supoñen modificar o proxecto do Goberno municipal por un importe superior aos 19 millóns de euros. A fronte nacionalista vén de formular unha ampla batería de emendas parciais, que recollen demandas do tecido asociativo e da veciñanza, fronte a un Goberno local que “non ten nada máis que ofrecerlle á cidade” e fronte á «emenda de devolución do PP».
“O BNG propoñemos unha mudanza en positivo para que o diñeiro das viguesas e dos vigueses se destine a atender as necesidades reais e a rematar co abandono dos nosos barrios e parroquias”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou estas propostas como unha demostración de que hai alternativa política á “inercia e políticas aparenciais” do Goberno de Abel Caballero.
Igrexas puxo en valor que as 138 emendas do Bloque son “con certeza” o maior número de modificacións formuladas a uns orzamentos municipais en Vigo. Unhas emendas que, destacou, non son apenas as da fronte nacionalista. “Fronte a un Goberno instalado na xordeira autoritaria, o BNG exercemos con estas emendas como un medio para a participación, para lograr que a opinión da veciñanza e dos colectivos sexa escoitada”.
O portavoz nacionalista explicou que as propostas articúlanse sobre 8 grandes eixos: avanzar cara a unha cidade igualitaria e socialmente xusta, que atenda como merecen os seus barrios e parroquias, con máis e mellores servizos públicos, unha cidade moito máis verde e sustentábel, con máis cultura e deporte, e que ofreza alternativas para a mocidade. “Estas emendas son a expresión en cifras dunha alternativa política que quere dar resposta as moitas viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis”, salientou.

