Os feitos producíronse á última hora do servizo do mércores 1 de novembro, día no que estivo convocada unha folga de 24 horas
Arredor das 22:00h o autobús que facía a liña 16 atopábase na rúa Porriño, situado na cabeceira, recibiu un impacto cun obxecto contundente na fiestra do parabrisas frontal. Segundo as testemuñas unha pedra foi lanzada por unha persoa vestida de negro e cunha máscara branca que escapou do lugar tras o impacto.
O condutor atopábase neses momentos no interior do vehículo e, afortunadamente a pedra non traspasou a fiestra evitando danos persoais. Así mesmo, tampouco había viaxeiros no seu interior xa que estaba na cabeceira preto de comezar o servizo.
De forma paralela, á mesma hora, outro autobús, neste caso o que facía a liña 5A e que estaba situado na rúa Pedra Seixa mentres o condutor descansaba no exterior, tamén recibiu o impacto dun obxecto na fiestra do parabrisas frontal. Do mesmo modo, varias testemuñas informan de que unha persoa vestida de negro e cunha máscara branca lanzou o obxecto e posteriormente votou a correr estando a piques de ser atropelado por un vehículo que circulaba pola vía.
Por sorte, este autobús tamén estaba baleiro e non houbo que lamentar nin persoal, nin viaxeiros feridos.
Dende Vitrasa insisten en que «este tipo de ataques poñen en risco non só a seguridade dos viaxeiros, tamén as dos propios compañeiros e compañeiras que realizan o servizo, así como a do resto de persoas que circulan pola vía».


