Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, detectaron a achega cara ao dominio público nunha inspección rutineira
Augas de Galicia de Galicia requiriulle aos responsables da instalación industrial a adopción das medidas correctoras oportunas
Os técnicos da Xunta verificaron recentemente o cese do vertido, tras proceder a empresa á conexión das augas residuais domésticas á rede de saneamento municipal
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais procedente dunha instalación industrial asentada no concello de Cangas.
Esta achega irregular foi localizada no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.
Os técnicos da Xunta identificaron a existencia dun vertido irregular de augas residuais sen depurar cara ao terreo nunha instalación destinada a uso industrial.
Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco. Os responsables da empresa procederon á conexión das augas residuais domésticas xeradas nas instalacións á rede de saneamento municipal, como así verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección, emendando deste xeito o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público.

