O Mosteiro de Oia acollerá, entre as 19:00 e as 21:00 horas, unha xornada cuxas entradas xa están esgotadas, e que incluirá o Concerto das Donas, cun repertorio con obra de mulleres compositoras do Renacemento e do Barroco, e actividades de divulgación do patrimonio histórico, cultural e natural
O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2023 bota o pano cunha xornada dedicada á visualización tanto do talento feminino coma do patrimonio cultural, histórico e natural. A presentación do Escenario Océano x FEST Galicia no Mosteiro de Oia será o ramo desta edición, unha actividade que, a modo de epílogo, tende pontes coa edición de 2024 do evento. As entradas están esgotadas.
A xornada comezará ás 19.00 horas cunha actividade divulgativa. Por unha banda, celebrarase unha visita guiada ao propio Mosteiro de Oia, duns 45 minutos, na que se farán tres paradas (Praza de Armas, Claustro e Patio das Laranxeiras). Pola outra, terá lugar unha unha introdución ao mundo submarino da ría de Vigo dun xeito novidoso, accesible e minimamente intrusivo, grazas ás lentes de realidade virtual, da man da cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño 13 GRADOS.
O broche dourado será o Concerto das Donas(20.00 horas). O ensemble conformado por Pilar Moráguez, Marta López, Elena Vázquez e María José Pámpano ofrecerá un repertorio con obras de destacadas compositoras dos séculos XVII e XVIII, como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Bárbara Stroozi ou Élisabeth Jacquet de La Guerre. Con este Concerto das Donas, Sinsal SON Estrella Galicia pechará a edición de 2023 poñendo en valor non só un rico patrimonio artístico, senón o papel das pioneiras na profesionalización da muller no eido da música.

