Abel Caballero anuncia un incremento do 69% na achega ao Banco de Alimentos de Vigo

Tamén subirá as aportacións aos comedores sociais da cidade en 61.000 euros

O Calvario acolleu esta mañá un mitin do presidente do PSdeG de Vigo, Abel Caballero, no que expresou a importancia do voto a Pedro Sánchez e o PSOE para a cidade. O presidente do PSdeG de Vigo anunciou unha suba de 37.000 euros ao Banco de Alimentos de Vigo “que está a pasar un momento de seria dificultade”, explicou ante a cidadanía.

Deste xeito, o Banco de Alimentos de Vigo pasará de recibir unha subvención para a atención aos máis vulnerables de 83.000 euros a 120.000 euros. O mesmo ocorrerá cos comedores sociais da cidade, que verán incrementado en 50 céntimos cada menú, o que significa 61.000 euros máis que na actualidade.

“As persoas que máis o necesitan teñen o Ingreso Mínimo Vital do Goberno de España, compatible coas axudas municipais de emerxencia. Non ocorre o mesmo coa RISGA da Xunta de Galicia”, lamentou Caballero. Tamén subliñou a protección aos maiores coa suba das pensións nun 8,5%, mentres que cando gobernaba o Partido Popular subían un 0,25%. Abel Caballero pediu o voto para Pedro Sánchez “porque se porta ben coa cidade e imos a seguir facendo Vigo xuntos”. O dirixente socialista explicou que co actual Goberno de España Vigo está a avanzar en infraestruturas estratéxicas como a liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, a saída sur ferroviaria cara ao Porto, a Biblioteca do Estado e a autovía en túnel a Porriño.