O BNG de Vigo demanda que as becas de comedor se resolvan antes do inicio de curso

Chaman a evitar un novo “calvario” para familias e ANPAs como o do presente curso no que as axudas se resolveron a finais de novembro e comezaron a pagarse a mediados de decembro

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda ao Goberno municipal a garantía de que as becas de comedor, libros de texto e material escolar, que iniciarán a súa tramitación o vindeiro luns se resolvan antes do inicio de curso e non nun máximo de seis meses como prevén as bases.

ZFV

O concelleiro e futuro Portavoz do Grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que se trata “dunhas axudas que son absolutamente vitais para máis de 3 mil familias da nosa cidade”, polo que instou ao Goberno local a que poña todos os medios necesarios para evitar o calvario da convocatoria do ano pasado.

En 2022 as axudas resolvéronse a finais de novembro e comezaron a pagarse case a mediados de decembro, provocando un grave prexuízo as familias que non sabían se eran ou non beneficiarias e tamén ás ANPAs que tiveron que adiantar durante varios meses o importe das becas con recursos propios.

“Demandamos ao Goberno municipal a que garanta que no inicio do curso escolar as axudas van estar debidamente resoltas e que se axilice tamén o abono anticipado das becas. Non ten xustificación que o Concello da maior cidade galega teña en vilo a miles de familias pola súa incapacidade na xestión dunhas axudas que convoca todos os anos “ afirmou Igrexas.