Pontón converte o acceso á vivenda nunha prioridade para o BNG tanto nos concellos como a nivel nacional

Propón crear un Banco galego de vivenda para xestionar as vivendas baleiras e fomentar o seu aluguer a prezos asumibles pola maioría

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo no vigués barrio do Calvario xunto co candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, onde destacou que facilitar o acceso á vivenda é unha prioridade do BNG tanto desde os concellos como a nivel nacional, porque o incremento imparable dos prezos esta convertendo en misión imposible para miles de galegos e de galegas poder pagar un aluguer.

“O acceso á vivenda é un auténtico problema para miles de persoas, sobre todo para a xente moza pero tamén para moitas familias, ante a subida imparable do prezo do aluguer nas cidades”, destacou a líder do Bloque, subliñando que nos últimos anos o prezo da vivenda en aluguer aumentou en Galiza un 25%, “o que nunha cidade como Vigo supón unha subida media de 1.700€ máis ao ano”.

Fronte a un PP que, na súa opinión, “dinamitou” a política pública de vivenda ignorando os problemas da cidadanía, Pontón puxo sobre a mesa algunhas das principais propostas do BNG.

En primeiro lugar, crear un Banco galego de vivenda para mobilizar o parqué de vivendas baleiras, -estimado en 75.000 inmobles só nas grandes cidades-, e facilitar o seu aluguer a prezos asumibles pola maioría social, unha proposta a nivel nacional “porque a Xunta ten competencias exclusivas en vivenda”, indicou. Neste sentido, o Bloque tamén contempla medidas fiscais para lograr mobilizar estes inmobles, en particular entre os grandes tenedores.

Outras medidas son aumentar as axudas ao aluguer para a mocidade, “non é a solución definitiva pero é necesaria mentres non se conteñen os prezos”, explicou; crear un parque de vivenda pública en aluguer, “para achegarnos ao noso entorno europeo”, e incentivar a rehabilitación, -o que tamén é unha fonte de creación de emprego.

O candidato á Alcaldía subliñou o compromiso do BNG por despregar a nivel municipal unha “enérxica política de promoción do acceso social á vivenda para garantir o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a cidade”. “Con 18.500 vivendas baleiras en Vigo non podemos seguir expulsando da cidade a moitas familias traballadoras e á mocidade que, literalmente, non se poden permitir o luxo de vivir na súa propia cidade”, defendeu.

Para confrontar a carestía da vivenda, Igrexas aposta por dotar a Vigo dun parque de vivenda pública de carácter social comprometéndose a dotalo coas súas primeiras 300 vivendas antes do remate deste mesmo ano, a través de negociar a cesión en uso de vivendas desocupadas da SAREB e da banca privada e cun programa de rehabilitación municipal.

Medidas de choque

Pérez Igrexas defendeu a necesidade de “medidas de choque”, citando a posta en marcha dun programa facilitador do alugueiro, no que o Concello poida asumir os avais e anticipar as fianzas dos alugueiros para a mocidade e persoas de baixos recursos. E tamén despregar medidas para “frear xa o fenómeno ultra especulativo dos pisos turísticos”, que xa duplican as vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial.

Igualmente, promover o cooperativismo de vivenda na cidade, así como dedicar “moitos máis recursos e esforzos” á rehabilitación, son outras das liñas de acción coas que o BNG quere dar pasos firmes co obxectivo de que “a vivenda deixe de ser un grave problema en Vigo”, que fixo que nos últimos dous anos a cidade perdese máis de 4 mil habitantes.