A coalición considera que «de todas as cousas que cheiran mal no urbanismo vigués, que son moitas e con actores diversos» está é a que ten un cariz máis xudicializable e considera que fiscalía con este informe e os precedentes do caso ten que incoar procedemento xudicial «caia quen caia»
Rubén Pérez e Meli Vázquez, cabezas de lista da coalición coa que Marea de Vigo e Podemos mantiveron onte unha xuntanza coa AAVV de San Miguel de Oia, entidade denunciante das obras ilegais en Cabo Estai, para valorar o informe do secretario municipal e a suspensión das obras contidas na licencia que decretou urbanismo esta semana.
Para a coalición é bastante ilustrativo que escoitando á concelleira María Xosé Caride pareza que esta suspensión se produce por «obra e gracia» dunha decisión reflexionada da Xerencia de Urbanismo, e non polo feito de que sete concelleiros e concelleiras da oposición (número mínimo que legalmente é requirido) solicitaron formalmente este informe ao secretario ante os feitos graves que estaban sendo reiteradamente denunciados por veciños e veciñas da zona e a propia AAVV de Oia.
Podemos-Marea de Vigo afirma que a resolución da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) sobre o vial ilegal en Cabo Estai e a existencia de 11 investigados por fiscalía coloca xa de xeito ineludible o foco nunha posíbel “trama de favores” de funcionarios municipais ao non existir explicacións serias e legais sobre o vial autorizado sobre unha servidume sen coñecemento dos propietarios con dereito sobre ela, sen existir un vial preexistente e sen estar presente o mesmo no IPO tal e como sinala o propio informe do secretario.
Meli Vázquez, nº 2 da lista e Rubén Pérez, candidato á alcaldía da coalición mantiveron onte xuntanza coa directiva da AAVV de Oia, denunciante das obras e que realizou numerosos requirimentos tanto a APLU, á Xunta de Galicia e ao propio Concello sen que se aclarase o que estaba a realizarse. A coalición considera que pese a informes de «absoluta legalidade das obras e do proceso administrativo emitidos previamente», o certo é que terá que aclararse agora como poden ser tan contrarios ao expresado por fiscalía e ao propio informe do secretario do Concello de Vigo. A coalición deu traslado do informe ao entender que resulta un documento «claro e rigoroso» que debe ser incorporado aos procedementos xudiciais abertos tanto pola asociación veciñal como os que implican a membros da mesma que teñen sido denunciados por poñer o foco nesta obra.
Podemos-Marea de Vigo afirma tamén que «a costa que percorre o termo municipal de Vigo ten que ter un grado de protección evidente, pero especialmente ten que ter un Goberno local que vele polo cumprimento da legalidade, que realice unha inspección rigorosa de calquera actuación que se realice na contorna natural e na servidume de costa e que responda á veciñanza e aos grupos municipais cando requiren información, non empregando como sistema o silencio administrativo que non fai máis que acrecentar as sospeitas de que se convive coa ilegalidade, co incumprimento da legalidade en materia de protección de costas e que os intereses especulativos e privados se aúpan como intereses públicos xerais».

