O grupo municipal da Marea de Vigo levará a debate no pleno do vindeiro mércores unha moción que pretende condenar a nova tentativa do Banco Central Europeo de «asfixiar ás familias coa escusa de conter a inflación» ao decidir unha nova subida dos tipos de interese na zona euro de medio punto. Esta decisión deixaría o tipo en máis do 3%, un nivel máximo que non vivían os créditos dende finais de 2008, e todo a pesar de que a inflación está a remitir.
A moción de Marea de Vigo denuncia que isto vai afectar especialmente as 3,7 millóns de persoas con hipotecas no Estado español, que xa levan sufrindo as alzas deste tipo dende decembro de 2021, e que dende entón ate xaneiro deste ano subiu case catrocentos puntos básicos. A afección a alza no principal índice de referencia está a provocar, tamén xa na nosa cidade, un forte aumento nas cotas hipotecarias mensuais das familias que se irá estendendo durante os próximos meses a medida que se produzan as revisións periódicas correspondentes.
Marea de Vigo pide na moción que o goberno do Estado faga cumprir mecanismos como o Real Decreto aprobado en decembro de 2022 que amplía o Código de Boas Prácticas vixente en materia de produtos bancarios, para que poida cubrir a aqueles debedores vulnerables afectados por subas de tipos de interese que alcancen niveis de esforzo hipotecario excesivos. «Teoricamente debería protexer ás familias con renda inferior aos 25.200 euros (tres veces o IPREM) que dediquen máis do 50% da súa renda mensual ao pago da hipoteca e debedores de clase media que teñen risco de caer en vulnerabilidade polo aumento das hipotecas cun límite de renda por fogar ata os 29.400 euros anuais», sinalan. «Porque este plan está a fracasar xa que só unhas ducias de operacións foron asinadas e analogamente, (como é decisión libre dos bancos conceder as operacións), quen se acolla ás medidas de alivio do Real Decreto pagarán moitos máis intereses ao final da hipoteca, o cal non constitúe solución ningunha».
Rubén Pérez, Concelleiro da Marea de Vigo lembra que esta suba de tipos de interese dos créditos hipotecarios vai provocar unha enorme transferencia de rendas das familias, especialmente as máis vulnerables, cara á banca, «xa que é evidente que estos novos tipos comportarán beneficios extraordinarios para a banca, pero un elevado custo para as familias, porque esta subida de tipos dispara o custo mensual dos préstamos, situando a moitas delas ante graves dificultades de atender o pago das súas cotas mensuais».
A moción de Marea de Vigo insta ao Goberno do Estado a aprobar un Real Decreto que suspenda ata xaneiro de 2024 a revisión das cotas de todas as hipotecas para vivendas habituais a tipo variable, isto é, deixalas conxeladas ata esa data, para todas aquelas familias que superen o 30% de cota con respecto aos seus ingresos, así como a suspender a revisión e facer recaer o custo nas marxes das entidades bancarias en base ao diñeiro que estas entidades deben xa que o rescate bancario custou ate 2020 case 96.000 millóns de euros.

