A Xunta adxudica 7 prazas de difícil cobertura na atención primaria da Área de Vigo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do proceso selectivo, a través do concurso de méritos, pola que se adxudican as prazas de Facultativo Especialista de Atención Primaria desta segunda convocatoria

Estes facultativos vanse incorporar aos seus centros de saúde ao longo do próximo mes e reforzarán as gardas dos PAC

O obxecto desta Oferta de Emprego Pública é  incrementar con 15 médicos os cadros de persoal de 10 centros de saúde: Valeixe/Crecente, A Guarda, O Rosal, Cangas, Moaña, Coia, Ponteareas, Porriño, Redondela  e Val Miñor

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do proceso selectivo, o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatuario fixo da categoría de facultativo especialista de Atención primaria.

Así, a Resolución de hoxe informa da adxudicación de 7 prazas correspondentes aos centros de saúde de Moaña (2); A Guarda; O Rosal; Redondela/Pazos de Borbén/Fornelos; Ponteareas e Cangas. Estes  facultativos  se incorporarán aos seus centros de saúde ao longo do próximo mes e reforzarán as gardas dos Puntos de Atención Continuada

A estas prazas hai que engadirlle as outras 8 xa adxudicadas na primeira quenda deste proceso, co obxecto de que tras finalizar o mesmo se incrementara o cadro de persoal con 15 facultativos en 10 centros de saúde desta área sanitaria: Valeixe/Crecente (1); A Guarda (1); O Rosal (2); Cangas (1); Moaña (3); Coia (1); Ponteareas (3); O Porriño (1); Redondela (1) e Val Miñor(1).

 Os  novos profesionais contribuirán a garantir a cobertura dos PAC ao realizar gardas nos Puntos de Atención Continuada, proporcionando unha atención sanitaria estable e de calidade a todos os cidadáns de concellos que levaban tempo sen médico fixo.

Galicia, pioneira na selección por concurso de méritos

O novo sistema para a selección do persoal médico, un proceso iniciado por Galicia e pioneiro en España, aposta polo concurso de méritos para a cobertura, con praza fixa, dos postos máis difíciles de cubrir. Trátase dun sistema máis áxil, que permitirá  incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos hospitais, Puntos de Atención Continuada e centros de saúde con maiores carencias de profesionais.