Esta iniciativa pon a disposición de titulados universitarios ou de formación profesional superior unha ampla rede de empresas, entidades e profesionais
O goberno galego destina un millón de euros a desenvolver a segunda e terceira edicións desta proposta, que na súa experiencia piloto contou coa participación de preto de 200 mozos
O tránsito dos estudos á vida laboral é un itinerario que require, moitas veces, dos pasos adecuados. Unha ruta para a que o Goberno galego conta con distintas iniciativas, poñendo á disposición dos interesados empresas e profesionais consagrados en distintos campos que lles serven de guía nos seus inicios profesionais.
É o caso do programa Xuventude Mentoring, que a Consellería de Política Social e Xuventude ten en marcha coa colaboración co Consorcio Interuniversitario de Galicia (Cixug). Trátase dunha acción pioneira de formación, seguimento e orientación dirixida a titulados universitarios ou de formación profesional superior con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, e que ten como obxectivo mellorar a súas condicións para atopar o emprego que desexan.
na primeira edición do programa participaron preto de 200 mozos, dos cales o 60% atoparon traballo
Nestes momentos está a desenvolverse a segunda edición desta proposta e xa hai aprobada unha terceira, cun investimento de 500.000 euros cada unha cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. No primeiro ano participaron preto de 200 mozos, dos cales o 60% atoparon traballo ou decidiron ampliar a súa formación naqueles ámbitos nos que foron mentorizados.
É o caso de David García, enxeñeiro en Xeomática e Topografía, natural de Cuntis e beneficiario do programa que, como el mesmo detalla, “supuxo unha experiencia enriquecedora” que lle axudou a “perder o medo a saber que deparará o mundo laboral” e a coñecer “moitas persoas”, entre elas “o meu xefe actual”.
David chegou a Xuventude Mentoring desde a plataforma de garantía xuvenil para xente desempregada, onde lle facilitaron un enlace de acceso a unha liña que lle permitiu orientarse no mercado laboral. Unha necesidade, expón, “que debería promoverse desde os colexios” ao ser de gran axuda “ante a falta de coñecemento” neste campo.
Meta: 500 participantes

Os bos resultados avalan o Xuventude Mentoring como unha iniciativa autonómica de referencia no apoio aos mozos que rematan os seus estudos en Galicia. Por este motivo, o Goberno galego consolida o programa coas convocatorias deste ano e a do 2023, nas que se fixa como obxectivo acadar os 500 participantes.
Estas novas edicións volven contar coa implicación das tres universidades galegas e tamén están abertas á participación de máis entidades, asociacións, empresas e clústers. Deste xeito, garántese que esta transición dos estudos á vida laboral sexa acorde coas demandas e necesidades do tecido produtivo, e tamén se axuste á realidade académica. Ademais, hai que engadir ao equipo de titores e mentores que se encargan de orientar e facer un seguimento individualizado das persoas participantes.
Ampla rede de orientación e seguimento
Nunca antes a mocidade galega tivo ao seu alcance unha rede tan ampla de entidades, empresas e profesionais cunha traxectoria consolidada para coñecer os retos que deberán afrontar na profesión para a que estudaron, e que á súa vez serva para ter unha primeira oportunidade de demostrar o seu talento.
Os participantes no Xuventude Mentoring reciben durante tres meses un plan de formación integral que inclúe cursos en competencias e habilidades que actualmente son imprescindibles para a inserción no mercado laboral, como o manexo das novas tecnoloxías, o espírito de innovación, a creatividade ou as facilidades comunicativas, entre outras. Este plan tamén contempla actividades de networking, visitas a empresas e, o que é máis importante, asesoramento e apoio por unha persoa mentora profesional e experta na actividade ou sector económico do seu interese.
Pero ademais de ofrecer á mocidade a oportunidade de ampliar a súa formación e mellorar as súas posibilidades de inserción laboral, por medio deste programa conséguese reter recursos humanos de calidade para as empresas galegas.
O Xuventude Mentoring é unha mostra máis do compromiso da Xunta en favorecer a autonomía das mozas e mozos, que tamén se reflicte noutras actuacións como as axudas para a obtención dos permisos de conducir de turismo, autobús e camión, ou o novo Plan Estratéxico de Xuventude, que abranguerá ata o ano 2027 e no que xa se está a traballar da man das entidades do sector e coa implicación dos propios rapaces que achegan as súas suxestións.

