Abel Caballero explicou este martes o procedemento polo que, durante os próximos meses, se completará o escaneado de vías e rúas viguesas que permitirá unha mellor planificación do seu mantemento
Segundo informou o rexedor, un vehículo dotado de sensores de posicionamento, cámaras de fotos e escáner 3D percorrerá Vigo durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro para fotografar e escanear 700 quilómetros de vías con todo detalle.
O goberno municipal xa realizara este traballo no ano 2020 e, agora, “queremos actualizalo e completalo” para dispoñer dos datos máis precisos e actuais das infraestruturas viarias do Concello e, con eles, poder confeccionar un Street View profesional de Vigo.
Co mapeado e escaneado móbil de 700 quilómetros de vías vigueses, o Concello, dispoñerá de toda a información sobre os pavimentos das rúas e camiños para planificar o mantemento preventivo da vía pública e, ademais, os servizos municipais poderán realizar inspeccións e medicións con precisión topográfica de calquera lugar de Vigo, sen necesidade de desprazarse ao lugar.

