Marea de Vigo pide que o Goberno local poña por diante a «calidade e durabilidade» dos elementos que se instalan nas rúas antes que o «estético e inaugurable»

Imagen de la entrada al primer tramo de las rampas.

Oriana Méndez: “En Vigo búscase o estético e efectivista e non o perdurable; ponse por diante o criterio da presentación e a bonita infografía nun medio de comunicación antes que o criterio do interese público, o servizo público, a calidade e incluso que á mobilidade das persoas”

Marea de Vigo considera que “non ten lóxica nin é de sentido común” que as humanizacións, obra pública e demais elementos que se instalan nas rúas de Vigo “presenten fallos estruturais xa nos dous primeiros anos – afirma Oriana Méndez – , e a pesar de que estean dentro da garantía do construtor”. “Debe ter prioridade a calidade dos materiais, tendo en conta conceptos como a obsolescencia, a resistencia a posibles desgastes, mesmo fronte a inclemencias climáticas ou vandalismo, aos criterios estéticos”, sinala a concelleira, ante os recentes peches nas rampas da Gran Vía.

A obra pública na rúa “ten que ter unha duración de máis de 10 anos – afirma a concelleira -, cousa que non está pasando en Vigo, incluso nos parques infantís, onde se buscan elementos electrónicos que permanentemente están avariados e requiren dun mantemento constante, servizo este que ademais é moi complicado dar ao non ter vontade de ampliar o persoal da concesión responsable deste mantemento”, cando, segundo Marea de Vigo, “o que se precisa dun parque infantil son elementos que sexan suficientemente seguros e duraderos fronte ao efectivista e o supostamente moderno” engade Méndez.

Outro exemplo, segundo a concelleira do Grupo, estase dando na Ronda de Don Bosco, onde “puxéronse uns bolardos excesivamente costosos nun lugar no que estan sendo golpeados constantemente polos camións de reparto, transporte que era sabido que ia pasar pola zona e de xeito reiterado”.

Para a Marea de Vigo tamén “é evidente que o estético no mobiliario público moitas veces resulta moito máis caro e dificil de manter, e por iso consideramos que é necesario que en todas e cada unha das actuacións que vaian financiadas con recursos públicos haxa estudos sobre a calidade e durabilidade dos materiais de xeito integral, cara a ser máis eficientes e obviamente sostibles á hora de desenvolver calquera obra pública na cidade” conclúe a concelleira.