Rubén Pérez: “As responsabilidades son compartidas entre todas as administracións, mais estamos nun concello que leva dous anos sen apenas executar as partidas do Plan de Emprego”
Marea de Vigo valora os datos do desemprego coñecidos hoxe para a comarca de Vigo coma “preocupantes”, xa que van “completamente á contra do resto de Galicia e da tendencia xeral no conxunto do estado, onde os datos resultan moi esperanzadores a pesar da situación económica provocada pola crise sanitaria e a actual guerra en Ucraína” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.
Pola contra, na cidade de Vigo e a súa comarca, a situación económica é “radicalmente diferente” segundo Rubén Pérez, cun incremento no desemprego máis do 1%, “resultando aínda peor tendo en conta o máis do 2% de persoas incorporadas ás listas do desemprego por primeira vez” engade o voceiro. Non sendo unha competencia municipal desenvolver políticas activas de emprego, “moitos Concellos están asumindo este tipo de accións en políticas eficientes para paliar os efectos da crise económica no emprego” sinala Rubén Pérez.
As responsabilidades, segundo Marea de Vigo, “son obviamente compartidas entre tódalas administracións, xa que todas poden facer políticas de emprego activas e todas teñen coberturas sociais”, mais, no que corresponde á administración local, “estamos nun concello que leva dous anos sen apenas executar as partidas do Plan de Emprego e aínda ten que adaptalo á nova lexislación laboral – matiza Pérez – , e dende logo dende Recursos Humanos non se está facendo todo o posible por dinamizalo, convertindo ao Concello noutro axente empregador nun momento no que é absolutamente necesario”
Marea de Vigo considera que é fundamental a colaboración entre tódalas administracions ante os problemas que están sufrindo sectores como a pesca, a automoción, a industria ou o sector servizos provocados pola inflación. “Vigo non pode ir á contra de Galicia nin do conxunto do estado nun mes onde os datos son sensiblemente bos, e ante a realidade de crise económica que se está a vivir” conclúe o voceiro.

