
O Grupo multidisciplinar CAR-T organizou un curso avanzado no que participaron 50 profesionais sanitarios das diferentes especialidades implicadas
O servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Vigo continúa pendente da autorización do Ministerio de Sanidade para a utilizacióndas terapias inmunolóxicas CAR-T dentro do plan Nacional de Terapias Avanzadas.
Mentres, desenvolven unha estratexia de formación específica nestes novos tratamentos. Neste senso, veñen de organizar outro curso de formación avanzada no que participaron 50 profesionais sanitarios, médicos e persoal de enfermaría das especialidades implicadas.
Nestes momentos, o hospital Álvaro Cunqueiro está preparado e capacitado para incorporar estas técnicas a súa carteira de servizos, tanto desde o punto de vista estrutural como dotacional e de capacitación e cualificación dos seus profesionais
O Grupo multidisciplinar das terapias CAR-T -integrado, entre outros, por profesionais dos servizos de Hematoloxía, Farmacia, Neuroloxía, Medicina Intensiva e Pediatría- foi constituído para establecer a selección idónea de pacientes para estes tratamentos. No último ano, o Chuvi seleccionou 11 pacientes candidatos, en ensaios clínicos ou CART comercial.
Inmunoterapias de vangarda
As terapias CAR-T constitúen os tratamentos máis avanzados contra o cáncer. Baséanse na modificación xenética de células do sistema inmunitario do propio paciente, para que estas células poidan ser capaces de recoñecer as células tumorais e destruílas.
Están aprobados actualmente no tratamento das leucemias agudas linfoblásticas e linfomas B. Pero, proximamente, se aprobará o seu uso clínico noutras patoloxías como o mieloma, a leucemia linfática crónica ou o linfoma de células do manto, e xa existen ensaios clínicos no noso país en tumores de órganos sólidos (cánceres de páncreas, pulmón…) . Esta nova oferta terapéutica situará ao Chuvi na vangarda da loita contra o cáncer e suporá un gran salto cualitativo na atención aos pacientes, que xa non terán que desprazarse a outros centros sanitarios de fóra de Galicia para recibir este tipo de terapias.
