Máis de 100 técnicos de anatomía patolóxica debaten sobre diagnóstico das citoloxías

― O Álvaro Cunqueiro acolleu o I Simposio Galego de Citodiagnóstico.

Os profesionais sanitarios da Área de Vigo analizan anualmente  40.000 mostras de biopsias e 30.000 citoloxías

Máis dun cento de técnicos de Anatomía Patolóxica  de Galicia, Portugal, e doutras comunidades españolas, participaron no I Simposio Galego de Citodiagnóstico que se celebrou onte no hospital Álvaro Cunqueiro.

Esta xuntanza -organizada polos Técnicos especialistas de Anatomía Patolóxica do Chuvi  xunto con Atessga (Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia)-  tiña por obxecto debater casos clínicos concretos en relación co diagnóstico das citoloxías, como a xinecolóxica, os líquidos orgánicos e a PAAF (Punción-Aspiración con Agulla Fina).

Segundo afirma a coordinadora do servizo de Anatomía Patolóxica, Sonia Mosteiro “os técnicos temos unha función moi relevante no proceso de diagnóstico das mostras, xa que aínda que o diagnóstico definitivo correspóndelle ao médico especialista, nós  realizamos un cribado inicial das mostras que recibimos e facemos un diagnóstico diferencial que logo validan os patólogos”.

Máis de 70.000 mostras de biopsias e citoloxías

O servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario de Vigo, dirixido polo doutor Joaquín González Carreró, conta con 28 técnicos especialistas que anualmente procesan ou analizan unhas 70.000 mostras  (40.000 biopsias e 30.000 citoloxías) .

O 80% das citoloxías corresponden a mostras xinecolóxicas e a maioría delas  proceden dos centros de saúde de Atención Primaria. O resto das mostras a analizar son líquidos orgánicos (cefalorraquídeos, ouriños, pleural…); ganglios e nódulos (tiroideos, de mama, etcétera).

Ademais dos  técnicos, o cadro de persoal está composto por 17 médicos especialistas, 7 médicos residentes,  e 4 administrativos.

O Servizo dispón de doce salas de laboratorio, unha consulta para puncións citolóxicas, sala de autopsias e unha ampla área de despachos e salas de traballo. Tamén conta cunha área no Hospital Meixoeiro, destinada a atender a patoloxía mamaria.