A fronte nacionalista ve necesario un novo modelo de mobilidade que ofreza alternativas de transporte ao vehículo privado ante o fracaso das políticas actuais
Xabier P. Igrexas: “O goberno de Abel Caballero ten que reaccionar e recoñecer que os plans para desconxestionar o tráfico non están a funcionar e é necesario corrixilos”
O Bloque Nacionalista Galego urxe medidas para reducir o crecente problema dos atascos en Vigo. A fronte nacionalista considera que as dificultades para circular na cidade evidencian «o fracaso das políticas de mobilidade do goberno de Abel Caballero e a necesidade de apostar nun novo modelo» que, a xuízo do Bloque, debe pasar por potenciar e mellorar o servizo de bus urbano.
“A veciñanza de Vigo está a padecer un grave problema de retencións, con horas nas que a cidade é practicamente intransitábel”, denunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que sinalou algúns dos puntos de maior conxestión viaria como Pizarro, Avenida das Camelias, o perímetro do Calvario, Castrelos, Sanjurjo Badía ou Beiramar. Segundo os últimos datos do satélite Tom Tom, a veciñanza de Vigo padece até 46 horas ao ano de atascos en diferentes puntos da cidade.
O edil nacionalista considerou ademais que determinadas obras municipais, como a segunda fase das ramplas da Gran Vía ou a humanización na Avenida Gregorio Espino, están a agravar unha situación que xa viña de lonxe e que ten consecuencias negativas non só para as persoas condutoras, tamén para o conxunto da veciñanza polo incremento da contaminación acústica e ambiental. “Son cada vez máis os ámbitos da cidade onde resulta difícil circular. O goberno de Abel Caballero ten que reaccionar e recoñecer que os plans para desconxestionar o tráfico non están a funcionar e é necesario corrixilos”, reclamou Igrexas.
Desde o Bloque situaron no centro do problema de saturación viaria a falla de alternativas de transporte ao vehículo privado, en particular polo deficiente servizo de bus urbano. “Esta situación pon en evidencia a necesidade urxente de apostarmos nun novo modelo de mobilidade máis eficiente, moderno e sustentábel en termos ecolóxicos que ten que pivotar nunha potenciación decidida do uso de bus urbano”, demandou. O concelleiro do BNG urxiu a reformular o actual servizo por “non estar á altura dunha cidade de case 300 mil habitantes”. Igrexas sinalou que o actual modelo de bus urbano funciona sobre un esquema obsoleto do ano 1994 e conta con escasas frecuencias e un mapa de liñas que non conecta o conxunto da cidade.

