Na sesión tamén se avanzou no procedemento para a creación de tres novas facultades
Tras varios meses de debate sobre a posibilidade de trasladar algunhas titulacións ao centro da cidade de Vigo, o reitor Manuel Reigosa anunciou este luns no Claustro que se abandona a idea de adquirir edificios na rúa López Mora e de realizar unha nova construción nos terreos da antiga ETEA. Fíxoo tras coñecer os resultados da enquisa realizada á comunidade universitaria e de acordo ao compromiso adquirido na folla de ruta que el mesmo propuxo uns meses atrás e que condicionaba a decisión dos posibles traslados aos resultados acadados nestas enquisas. Finalmente, os resultados foron contrarios ao traslado, salvo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que decidirá nos vindeiros días se leva este tema á Xunta da Facultade. Deste xeito, segundo o reitor, “desperdíciase” o que na súa opinión era “unha oportunidade histórica para achegarnos á cidade de Vigo, cando menos cun par de titulacións”, lamentou Reigosa, quen se amosou doído polo balbordo xerado na comunidade universitaria nos últimos meses sobre esta temática.
Este foi un dos puntos máis destacados dunha convocatoria ordinaria de Claustro, que se desenvolveu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, combinando a asistencia presencial e virtual, e na que tamén se falou sobre sobre o mapa de titulacións e o plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Ademais, nesta sesión o Claustro informou favorablemente das memorias para a creación das futuras facultades de Relacións Internacionais, Deseño e Dirección e Xestión Pública, e nela o reitor, como fixo cada ano desde que iniciou o mandato, deu conta ante as e os claustrais do grao de cumprimento dos compromisos electorais adquiridos polo seu equipo hai pouco máis de tres anos.
CC Xurídicas e do Traballo valorará nos vindeiros días os resultados das enquisas
Respecto ao posible traslado de titulacións de Marcosende ao campus de Vigo cidade, Reigosa admitiu que foi un tema no que se implicou moito e “o único do que, a longo prazo podo arrepentirme é de non ter sido quen de convencer, fixen máis de 16 xuntanzas, a maioría delas de entre dúas e cinco horas, unha mágoa que a miña elocuencia non fose suficiente” e amosouse convencido de que o mellor sitio para ter a Facultade de Ciencias do Mar era a ETEA e que o complexo de López Mora era unha grande oportunidade para fortalecer a presenza da Universidade na cidade. Quédase agora á espera de que a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo –na que o 55% do alumnado se amosou a favor do traslado, segundo indicou o reitor- tome a decisión que considere oportuna, se ben, Reigosa adiantou xa que nas xuntanzas previas mantidas con este centro o equipo decanal amosárase contrario aos traslados, idea que, “a título persoal”, ratificou nesta sesión do Claustro o decano, Francisco Torres, quen solicitou ao reitor que lle fosen enviados os resultados das enquisas para poder valoralos e actuar en consecuencia, “xa que nestes intres non sabemos cantos estudantes representan ese 55% e descoñecemos tamén os resultados acadados entre o PDI e o PAS”.
Precisamente a falta de documentación sobre este punto da orde do día, provocou que o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel Fernández Iglesias pedise a súa retirada, e que fose incluído na vindeira sesión do Claustro, “previo envío da documentación oportuna aos integrantes do Claustro, pois só así poderemos ter un debate en igualdade de condicións”. Ante esta petición, reuniuse de urxencia a Mesa do Claustro que, finalmente, decidiu por unanimidade continuar adiante co debate, se ben, unha vez exposta a presentación do reitor, as queixas pola falla de documentación sobre este punto da orde do día foron expresadas tamén por outros docentes, entre eles a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Rosa Pérez, e a da Facultade de Ciencias do Mar Elsa Vázquez.
Ante esta situación, o reitor comprometeuse a enviar a súa presentación íntegra aos claustrais. Nesta presentación o reitor lembrou a folla de ruta –que el mesmo fora explicando nas reunións cos equipos directivos que iniciou o pasado 5 de marzo- e deu conta dos resultados acadados, nos que se confirma a negativa ao traslado da maior parte das persoas participantes. Segundo expuxo nunha das diapositivas, dun censo de 11.098 persoas participaron un total de 2872, o que supón o 25,88% do total, e delas o 40% amosouse partidaria do traslado, o 48% de quedar no campus e o 11,4% non amosaron unha opinión definida.
Neste punto da orde do día Reigosa tamén lamentou “a gran cantidade de falsidades” que se verteron nestes meses sobre esta cuestión. “O equipo de goberno en ningún intre propuxo o desmantelamento do campus, senón, simplemente, pór enriba da mesa dúas opcións, que poderían permitir mover algunhas titulacións: a antiga ETEA, pensando sobre todo en Ciencias do Mar, e os edificios de López Mora, onde xa se conta cun edificio cedido para o Laboratorio de Fotónica Cuántica”
Titulacións e financiamento, dúas negociacións que “marcarán o futuro”
A sesión abriuse co informe do reitor, que puxo o foco en dous procesos de negociación abertos e que, sinalou, “marcarán o futuro rumbo da Universidade”. Reigosa referiuse á negociación do novo plan de financiamento do SUG, no que as tres universidades presentaron unha “contraproposta” conxunta á das consellarías de Educación e Facenda. “En setembro agardamos ter algún tipo de acordo”, afirmou o reitor, que sinalou como un dos “atrancos” a necesidade de articular “algún mecanismo compensatorio” que, ante unha previsible futura baixada do número de estudantes, “permítanos manter as capacidades docentes, de investigación e de transferencia”. Por outra banda, afondou tamén na negociación do futuro mapa de titulacións do SUG e felicitouse do acordo acadado entre as tres universidades e a Xunta, que fixa uns “criterios” de cara as negociacións de cara a creación de doce novos graos e preto de 15 mestrados nos sete campus galegos. Neste mesmo punto, Reigosa felicitouse polo acordo acadado polas tres universidades para a implantación do grao interuniversitario en Intelixencia Artificial, que agarda poida pórse en marcha no campus de Ourense no curso 2022-2023.
O reitor aludiu así mesmo no seu informe á convocatoria de axudas para a recualificación do sistema universitario español, pola que lles corresponderían 5,6 millóns de euros á institución viguesa. Esta convocatoria, que será abordada esta semana en Consello de Goberno, permitirá pór en marcha, tres liñas de axudas, unha para o persoal docente e investigador “máis novo”, outra para “profesorado xa estable” pero que leve pouco tempo no seu posto e unha terceira dirixida á captación de talento. Por outra banda, o reitor anunciou que se impulsará unha nova mediación co obxectivo de alcanzar un acordo no “conflito” xurdido entre as facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte a raíz da proposta de creación do Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia. O reitor anunciou tamén que se completaron as obras do proxecto de xeotermia no campus de Ourense, que prevé inaugurar en breve, así como a incorporación da UVigo á agrupación Simga, na que diferentes universidades “partillan software para distintos aspectos que teñen que ver coa xestión universitaria”. Por outra banda, Reigosa informou tamén nas negociacións que se están a levar a cabo para que as ferramentas informático-lingüísticas desenvolvidas polo profesor Xavier Gómez Guinovart sigan “á disposición da comunidade galega”, despois da xubilación deste docente da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Por outra banda, en resposta a unha pregunta do profesor Iván Area, Reigosa subliñou como unha cuestión “prioritaria” a posta en marcha do Máster en Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense, que permitiría “pechar unha escola”, a de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “con moitísimo futuro”. Nese punto, explicou que unha vez a Xunta decidiu que fose un mestrado interuniversitario coa Universidade da Coruña e de que se chegase “de seguido” a un acordo co equipo reitoral da UDC, foron xurdindo “todo tipo de atrancos” que impediron contar ata o de agora coa memoria da futura titulación.
Proseguen os trámites para a creación de tres novas facultades
O Claustro deu tamén o seu visto e prace ao informe sobre a creación de tres centros docentes, que constitúe un novo paso no procedemento para a posta en marcha das futuras facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais, en Ourense. Como explicou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, tralo informe favorable do Claustro, as memorias deberán ser aprobadas polo Consello de Goberno, para logo obter o informe do Consello Social antes de ser remitidas ao Consello Galego de Universidades para que, finalmente, a creación dos centros sexa aprobada polo Consello da Xunta e incorporados ao Registro Universitario de Centros y Titulaciones (RUCT).
Dúas destas facultades están vinculados á creación de dúas novas titulacións, o Grao en Relacións Internacionais, que será interuniversitario e impartirase xunto coa Universidade da Coruña; e o Grao en Deseño, que se atopa pendente da aprobación da súa memoria por parte da Xunta, explicou Ramos. No caso da Facultade de Relacións Internacionais, o vicerreitor sinalou que será necesario que conte cun edificio propio, construído ou cedido, se ben podería iniciar a súa actividade no Edificio Xurídico-Empresarial do campus ourensán. Segundo as previsións recollidas na memoria, a facultade contaría “con 187 estudantes e 15 profesores equivalentes a tempo completo” e a súa posta en marcha tería un custo estimado de 90.045 euros, ao igual que os outros dous centros propostos.
No caso da Facultade de Deseño, no campus pontevedrés, esta terá como sede o espazo destinado á UVigo no edificio da Xunta en Benito Corbal, “aínda que algún laboratorio específico quedaría na Facultade de Belas Artes”. O novo centro, explicou Ramos, albergará tanto o futuro Grao en Deseño, como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e estímase que contará con 260 alumnos e alumnas e 22 profesores equivalentes a tempo completo. Tamén en Pontevedra, a Facultade de Dirección e Xestión Pública compartiría edificio coa actual Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se imparten as dúas titulacións que se adscribirían ao novo centro. Trátase do Grao en Dirección e Xestión Pública, que no presente curso convertíase no primeiro do SUG en contar cunha modalidade totalmente virtual, e o mestrado online en Dirección e Xestión Pública. Segundo a memoria, contaría con 212 estudantes e 41 docentes, 16 deles docentes “con dedicación total ás titulacións da facultade”, explicou Ramos.

