O BNG de Vigo pide a fin do «acoso» contra o movemento veciñal e demanda que o Goberno municipal abra un diálogo «honesto» coa FAVEC

A fronte nacionalista chama ao concelleiro de Participación Cidadá, Pablo Estévez, a actuar como tal e a desistir da pretensión de desaloxar pola forza a federación veciñal da súa sede

Xabier P. Igrexas: «Democracia é moito máis que votar cada catro anos. Democracia é diálogo, é escoitar, tamén a quen pensa diferente, e sobre todo, é participación. Non pode haber democracia si se persigue a quen discrepa»

O Bloque Nacionalista Galego volveu demandar ao Goberno municipal de Vigo que cese na súa política de «acoso e persecución» contra o tecido asociativo da cidade e, singularmente, contra o movemento veciñal. Demandan ao concelleiro de Participación Cidadá que poña en marcha un diálogo «honesto e real» coa dirección da FAVEC, abandonando a pretensión de desaloxala sen acordo da súa actual sede.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou os «crecentes tics autoritarios» do executivo local que se concretizan no continuado «acoso, persecución e maltrato contra o tecido asociativo que se atreve a discrepar do alcalde». Neste sentido, denunciou o «exercicio de violencia administrativa e institucional», nomeadamente, en contra do movemento veciñal e a súa federación.

«Despois de romper todas as canles de interlocución hai preto dunha década, de tentaren afogar economicamente a entidade para facela desaparecer, agora asistimos ao intento do Goberno municipal de desaloxar a federación veciñal da sede que ocupa desde os anos 90», denunciou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista anunciou publicamente que se vai dirixir ao concelleiro de Participación Cidadá, Pablo Estévez, para instalo a «exercer como tal» e a iniciar un «diálogo honesto e real» doa dirección da FAVEC para procuraren unha saída consensuada e acordada ao actual conflito. Unha solución que esixe, en primeiro lugar, que o Concello desista da súa actual pretensión de materializar o desaloxo mesmo pola forza, como lle comunicaron á federación. «Democracia é moito máis que votar cada catro anos. Democracia é diálogo, é escoitar, tamén a quen pensa diferente, e sobre todo, é participación. Non pode haber democracia si se persigue a quen discrepa», remachou Igrexas.