Marea de Vigo reitera que o Ingreso Mínimo Vital e a RISGA deben ser compatibles

Marea de Vigo denuncia que ducias de vigueses e viguesas están a recibir unha carta solicitando o reingreso dos importes da RISGA recibidos á par do IMV durante os primeiros meses de xestión do sistema, “algo que é unha auténtica barbaridade cando a administración autonómica era perfectamente coñecedora das persoas que tiñan aprobado o IMV e mesmo o propio Goberno solicitara ás comunidades autónomas que fixeran a regulación necesaria para que estas dúas prestacións foran compatibles” enfatiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Do mesmo xeito, Pérez sinala que “en Vigo segue sendo necesario un programa complementario de axuda de alimentos, pago de alugueiros, etc compatible co IMV”.  O grupo alertaba en novembro de 2020 que o Goberno galego tiña que ter como obxectivo social próximo que neste 2021 se modificase a lexislación para que Risga e IMV foran compatibles.

Marea de Vigo segue considerando que “pese aos avances da aparición do Ingreso Mínimo Vital , a actual prestación económica da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) non cumpre os criterios da lexislación en vigor (Decreto 99/2012 de Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento modificado polo decreto 228/2014 da Xunta de Galicia) pois segue mantendo ás persoas beneficiarias no limiar da pobreza, da exclusión social e non cubre as necesidades básicas provocando estados de pobreza crónicos herdados por fillas e fillos” apunta o voceiro. “Unha e outra prestación teñen polo tanto que compatibilizarse para evitar que esta cronificación da pobreza sexa permanente” engade.

Marea de Vigo insta á Xunta de Galicia a que o Proxecto de Decreto de Desenvolvemento da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social en trámite, incorpore as medidas para que as cuantías da RISGA achéguense ao indicador AROPE que mide o mínimo de ingresos por persoa e que sexa compatible coa prestación do Ingreso Mínimo Vital, do mesmo xeito que demanda que se elabore xa unha carta de servizos sociais que simplifique e garanta un alcance universal e accesible ao contido da carteira de Servizos Sociais de Inclusión (Decreto 61/2016).