Oriana Méndez: “Cando alguén comete un erro, cando alguén esquece que ten que renovar un contrato, o que ten que facer é buscar un mecanismo que garanta o mantemento do emprego do persoal, o seu dereito de subrogación así como a continuidade dun servizo que permite conciliar a ducias de familias viguesas”
«Hai anos que era coñecido que esta concesion tiña que ser renovada antes do pasado 16 de abril, mais, a pesar de levar as traballadoras varios meses requirindo información á Concellería de Xuventude sobre a licitación do servizo de Dinamización infantil, hoxe, case un mes de rematar a concesión anterior, a mesa de contratación aproba a adxudicación a unha nova empresa» lamenta a concelleira.
“Pedimos que a partir deste momento se leven a cabo os trámites necesarios para o reinicio da xestión do servizo coa máxima celeridade e as traballadoras sexan retiradas de inmediato do erte e indemnizadas e compensadas por verse perxudicadas por unha situación da que non son responsables, do mesmo xeito que tampouco o son as empresas saínte e entrante, estando toda a responsabilidade no Goberno local e a concelleira da área” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
Marea de Vigo recrimínalle ao Goberno local e nomeadamente á Concelleira de Xuventude, a súa “incapacidade política manifesta”, que provocou que “non foran quen de resolver algo tan sinxelo como que hai que iniciar un proceso de licitación a tempo para que cando se acabe un contrato, poida comezar outro” apunta Oriana Méndez. “Vendo, a día 16 de abril, que non tiñan feito o seu traballo, os responsables tomaron unha moi mala decisión: utilizar unhas supostas obras para pechar os centros. Obras sobre as que temos solicitado por escrito informes técnicos así como calquer documentación na que se reflicta a necesidade das mesmas, de xeito que xustifiquen a suspensión do servizo de dinamización infantil” suliña.
Neste tempo, as familias non puideron utilizar o servizo das ludotecas, e as traballadoras víronse inmersas nun ERTE por parte da empresa que ata o momento prestou o servizo, Clece, baseado nas devanditas obras, “que resultaron ser nada máis que unha man de pintura, para o que non era necesario paralizar ningunha actividade” engade a concelleira.
Tanto o persoal das ludotecas como as familias queixáronse á Concellería de Xuventude, e esta, “para poñer o que debeu considerar un parche, decidiu tomar a seguinte mala decisión contratando a outra empresa, Imaxina Servizos Educativos, para levar as ludotecas mentres non se rematase o proceso de licitación, mais obviando a existencia de persoal adscrito a ese servizo, e incumprindo flagrantemente a propia Lei de Contratos Públicos e o concenio colectivo de aplicación” detalla Oriana.
“Non entendemos o motivo polo que de non ser capaces de licitar a tempo non se prorrogou o servizo, algo perfectamente reflectido na devandita Lei de Contratos Públicos, que eliminaría todo prexuizo tanto ás traballadoras como ás familias usuarias das ludotecas públicas, e en lugar diso, o que sucedeu foi un rosario de decisións totalmente nocivas para ambas partes afectadas” cuestiona a concelleira. “Nin o Goberno de Abel Caballero nin a concelleira responsable da área, Maria del Carmen Lago Barreiro, dan explicacións nin solucións, e o único que fixeron foi tratar de tapar unha nefasta xestión con decisións que só afondaron no problema”.

