Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero en lugar de defender como alcalde o futuro do naval en Vigo decidiu escapar, facendo de comparsa do secretario de Estado de Infraestruturas, para tirar unha foto na reapertura túnel do Folgoso na Cañiza”
O Bloque Nacionalista Galego criticou con dureza a ausencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, decorrida esta mañá, e na que se acordou iniciar a extinción da concesión do antigo Vulcano.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “indecente e covarde” a incomparecencia do rexedor. “Abel Caballero en lugar de defender como alcalde o futuro do naval en Vigo decidiu escapar, facendo de comparsa do secretario de Estado de Infraestruturas, para tirar unha foto na reapertura túnel do Folgoso na Cañiza”, reprochou.
Igrexas lamentou que o alcalde “abdicase das súas responsabilidades” diante dun debate transcendental para o futuro do estaleiro da antiga Vulcano e denunciou que coa súa ausencia acabou por se aliñar na campaña contra o sector naval emprendida polo Partido Popular. “Autoproclámase ‘alcalde da economía’ pero hoxe demostrou que a economía real, a base produtiva e o emprego, non lle importan nada. É só o alcalde da fanfarria, da propaganda e o autobombo”, afeou.
A decisión adoptada de incoar o expediente de extinción da concesión portuaria de Vulcano, e que só contou coa oposición do representante sindical da CIG, supón para o BNG avanzar na folla de rota trazada polo anterior presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, para finiquitar un estaleiro centenario para o converter nunha extensión da terminal de contedores.
O portavoz municipal nacionalista advirte de que o acordado, co consenso dos representantes de PSOE e PP, supón sabotar o desenvolvemento do proxecto industrial que o novo estaleiro San Enrique estaba poñendo en marcha. Neste sentido, Igrexas xulga “gravísimo” que a retirada da concesión teña provocado xa a anulación de encomendas no novo estaleiro, tal e como veñen de denunciar as organizacións sindicais.
Aliás, desde a fronte nacionalista insisten na situación crítica que atravesa o conxunto da construción e reparación naval e defenden a necesidade dunha decidida intervención pública directa para blindar o seu futuro.

