
A fronte nacionalista considera “insuficiente e insultante” que o rexedor e máximo referente do PSOE vigués se limitase a expresar “respeito” pola condena xudicial a máis de 2 anos de prisión contra o exalcalde pedáneo, Roberto Ballesteros
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero non pode facer como que non coñece de nada a Ballesteros”
O Bloque Nacionalista Galego instou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a desculparse coa veciñanza de Bembrive e do conxunto da cidade, após o último fallo xudicial que condena a máis de 2 anos de prisión e 7 de inhabilitación ao anterior pedáneo da entidade local menor, Roberto Ballesteros, por delitos de falsidade, malversación e prevaricación.
Para o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, as declaracións de Caballero nas que se limitaba a «respeitar” a sentenza xudicial son “insuficientes e insultantes”. “O que demandamos do alcalde e máximo referente do PSOE na cidade é que, como mínimo, exprese unha sincera desculpa á veciñanza de Bembrive e do conxunto da cidade, e un compromiso real para depurar responsabilidades políticas que eviten que isto volva suceder”, reclamou.
Igrexas lembra que a entidade local menor de Bembrive recibe cada ano unha transferencia de 285 mil euros do Concello de Vigo. “Falamos de diñeiro de todas as viguesas e vigueses, que debera ir destinado a atender as necesidades de Bembrive e que acaba utilizándose nunha xestión corrupta”, advertiu.
O portavoz municipal nacionalista sostén que “Abel Caballero non pode facer como que non coñece de nada a Ballesteros, cando todo o mundo sabe que as decisións sobre o PSOE de Bembrive as tomaba e toma el”.
Quebra e parálise
Desde o Bloque denuncian que “para alén da dimensión xurídica e das consecuencias penais das accións de Roberto Ballesteros a nefasta xestión do PSOE colocou a entidade local menor nunha situación limite, ao borde da quebra». Neste sentido, apuntan que durante a etapa de Ballesteros como alcalde pedáneo “dilapidáronse preto de 15 millóns de euros”, consumindo todos os recursos de tesourería. Unha situación que continúa a padecerse na actualidade, tal e como reflicte a decisión da Xunta Veciñal da entidade local menor do pasado mes de febreiro para autorizar o pago dunha factura de 550 mil euros, pendente desa etapa.
“Nestas condicións está seriamente comprometido o futuro da entidade local menor e o que é máis importante, non hai capacidade para que se atendan as necesidades reais da parroquia”, advirte Pérez Igrexas.
