O Hospital Álvaro Cunqueiro atende a máis de un millar de pacientes con epilepsia

O servizo de Neuroloxía conta cunha consulta monográfica que realiza unha asistencia máis especializada dos pacientes epilépticos

No Día Mundial para a concienciación da Epilepsia, os especialistas en neuroloxía recordan que é un dos trastornos neurolóxicos máis frecuentes tanto na poboación adulta como na pediátrica

A Área Sanitaria de Vigo súmase a conmemoración do Día Mundial para a Concienciación da Epilepsia, que se celebra hoxe. Con este motivo, os especialistas en neuroloxía do Álvaro Cunqueiro lanzan unha menxase para concienciar sobre esta patoloxía, que representa un dos trastornos neurolóxicos máis frecuentes, tanto en poboación  pediátrica como adulta.

O servizo de Neuroloxía do Chuvi conta cunha consulta monográfica de epilepsia atendida polas doutoras Mª Dolores Castro e Paula Bellas, que actualmente realiza o seguimento a máis de 1.200 pacientes con este diagnóstico.“A finalidade desta consulta é a de realizar unha asistencia máis especializada dos pacientes epilépticos, sobre todo daqueles casos cuxa epilepsia non está adecuadamente controlada”, explica a doutora Castro.

A epilepsia, máis que unha enfermidade, trátase dun conxunto heteroxéneo de enfermidades que producen unha  alteración do cerebro que, de xeito mantido, pode predispor a que o paciente presente crises epilépticas. En España estímase que a súa prevalencia atópase en torno ao 0.8% da poboación e a súa incidencia anual entre 31-57 casos/100.000 habitantes.

Crises epilépticas

Segundo Mª Dolores Castro, “as crises epilépticas son unha das causas de consulta máis frecuentes nos servizos de neuroloxía e o segundo motivo de consulta neurolóxica en urxencias. Aínda que a maioría dos pacientes alcanzan un bo control de crise cando o diagnóstico é preciso e o tratamento é correctamente seleccionado para o seu tipo de epilepsia, estímase que o 25% dos pacientes diagnosticados continúan con crises”.

Un non adecuado control das crises conleva unha maior comorbilidade, así como maior risco de traumatismos e de morte súbita. Todo iso, xunto coa importante carga social e psicolóxica que supón para estes pacientes a enfermidade, ten como consecuencia unha peor calidade de vida percibida. Sen embargo, «cun diagnóstico e tratamento adecuados, a maioría destes pacientes  poden levar unha vida normal. É fundamental que a sociedade tome conciencia, comprenda e acepte a enfermidade, abandone falsos mitos e crenzas e respecte aos pacientes afectados de epilepsia».