Dúas investigadoras representarán ao IIS Galicia Sur no macroestudo de medicina preditiva do Carlos III

Ana Clavería, de Atención Primaria, e Eva Póveda, colaborarán neste proxecto, primeiro deste tipo que se realiza en España, no que participarán  200.000 pacientes

Dúas investigadoras representarán ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), ubicado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no macroestudo de Medicina Preditiva que pon en marcha o Instituto de Saúde Carlos III. A plataforma que se realiza a nivel nacional baséase en estudos predictivos cos datos que acheguen as distintas comunidades autónomas e áreas sanitarias.

A plataforma está coordinada en Galicia polo Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) a través dos institutos de investigación. En representación do  IISGS  estarán Ana Clavería, como persoal de Atención Primaria e coordinadora da Área Eficiencia e Calidade en Servizos de Saúde, Seguridade do Paciente e Economía da Saúde; e a investigadora senior e  responsable do Grupo de Viroloxía e Patoxénese, Eva  Póveda.

A  cohorte CIBERSNS estudará casos dunhas 200.000 persoas representativas das distintas zonas de España, «e ten suma importancia xa que será a base para unha infinidade de proxectos futuros, másteres, teses doutorais e novas investigacións; sen dubida é unha extraordinaria formulación», explica  Clavería. Existe un proxecto similar en Estados Unidos que traballa con ao redor dun millón de persoas.

De feito, o proxecto constituirá unha base sobre a que poderán traballar ou da que poderán beneficiarse todos os investigadores do Sistema Nacional de Salud.

Distintas sociedades profesionais

A  cohorte CIBER-SNS (Centro de Investigación Biomédica en Rede-Sistema Nacional de Salud) é a aposta do Carlos III para o seu programa de medicina preditiva dentro da convocatoria para a creación dunha Infraestrutura de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e Tecnoloxía (IMPaCT). O investimento previsto para o programa ascende a máis de 13 millóns de euros.

«Polo seu gran tamaño e ampla cobertura xeográfica, permitirá representar a variabilidade étnica e a diversidade xeográfica e ambiental de todo o país. O seu desenvolvemento liderarase desde o CIBER de Epidemioloxía e Salud Pública, coa participación de todas as áreas temáticas do CIBER, dos servizos de saúde de todas as Comunidades e Cidades Autónomas, con gran implicación da Atención Primaria, e a colaboración do Instituto Nacional de Estadística», recalca Ana  Clavería.

De feito, a Sociedad Española de Epidemiología elaborou recentemente un documento no que, entre outras cuestións, recolle que «permitirá a análise de desigualdades de saúde, a monitoraxe e vixilancia da saúde pública, a construción de modelos predictivos de enfermidade, e a avaliación de políticas de saúde».

Aos traballos incorporaranse procedementos novos de recollida de mostras biolóxicas, e de valoración de variables de exposición baseadas nun completo modelo biopsico-social de saúde, e abordaranse todas as enfermidades e condicións de saúde con relevancia social.

Por tanto, a cohorte CIBER-SNS poderá responder gran número de preguntas de investigación que, entre outras, inclúen os efectos sobre a saúde das formas de vida típicas dos residentes en España, con estilos de vida e de interacción social típicos, así como a influencia das características da «vida dixital», de importancia crecente, sobre os nosos estilos de vida e saúde .