O museo MARCO inaugura a nova exposición de Celeste Garrido

Celeste Garrido.

A mostra “Os teus ollos din o que a túa boca cala”, da artista galega Celeste Garrido estará aberta na sala de proxectos do primeiro andar do museo vigués ata o vindeiro 14 de febreiro

O museo MARCO inaugurou este venres a exposición “Os teus ollos din o que a túa boca cala”, da artista galega Celeste Garrido.

No acto participou o alcalde que sinalou que “entusiásmame a túa convicción e a túa obra, temos unha nova e presente realidade, Vigo ten paixón pola cultura e o MARCO está nunha nova etapa de fortalecemento e revolución permanente”. Ademáis do alcalde e a artista, no acto de apertura tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o concelleiro de Cultura, Abel Losada; o director do MARCO, Miguel Fernández Cid, e a comisaria da exposición, Pilar Souto.

A exposición quedou aberta ao público na sala de proxectos do primeiro andar do museo vigués, onde será visitable ata o vindeiro 14 de febreiro. “Os teus ollos din o que a túa boca cala” é un proxecto específico para o MARCO, intimamente relacionado coa identidade e con cuestións de xénero, e está deseñado a partir dunha coidada selección de obras en distintos formatos —na súa maioría de nova produción— que constrúen un relato en torno á temática do corpo como material, como soporte, como suxeito e como receptor, con especial alusión ao corpo feminino e ao vestido como símbolo.

Celeste Garrido (Marín, Pontevedra, 1972) ten unha ampla traxectoria en proxectos teóricos e expositivos moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero. A artista, que agradeceu a todas as persoas alí presentes e ás que colaboraron na súa exposición, reivindicou que “é fundamental apoiar a cultura, que asistamos aos museos e que volvamos á normalidade dentro do posible”.