41 empresas compiten no campus de Vigo por captar o talento do alumnado das escolas de enxeñaría

Este martes inaugurouse a XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, que se prolongará ata xoves

Manuel Reigosa salientou que este evento contribúe ao fortalecemento económico de Galicia

41 empresas compiten esta semana no campus de Vigo por captar o mellor talento TIC que se está a formar nas aulas das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía para incorporalo aos seus cadros de persoal. Fano na XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, un evento que, edición a edición, se consolida como a ponte máis directa entre as principais empresas do sector da enxeñaría e tecnoloxía (robótica e automática, TIC, enerxías verdes…) e as futuras enxeñeiras e enxeñeiros, moitos a piques de  rematar a titulación e outros cursando xa algún dos diferentes mestrados profesionalizantes que se imparten nestes centros.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Como xa é habitual a inauguración do encontro reuniu no vestíbulo central da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, un destacado número de autoridades que non quixeron perderse esta cita, empezando polo reitor, Manuel Reigosa, quen, ademais de felicitar á organización polo éxito acadado, fixo fincapé na importancia que teñen para a Universidade de Vigo a celebración deste tipo de encontros. “Queremos transformar a sociedade e, para facelo, a ferramenta máis importante que temos sodes vós”, subliñoulles Reigosa aos máis de 70 alumnas e alumnos que forman parte da organización do foro, encabezados nesta edición por Carlota Cañamero, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación. “Para nós é tremendamente importante xuntar nun mesmo lugar o talento que agroma nas nosas aulas e as empresas e, nesta liña, aspiramos a que todo este coñecemento permita que Vigo e Galicia sexan cada vez  máis competitivos e que a sociedade galega poida ser máis xusta, sostible e igualitaria”.

Máis de 20 empresas en lista de agarda

Xunto ao reitor,  a profesora Ana Mejías, que asistiu en calidade de vocal sustituta do Delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, resaltou o orgullo deste organismo en poder colaborar co foro, un aspecto no que tamén fixo fincapé o concelleiro de Orzamentos e Facenda do Concello de Vigo, Jaime Aneiros. “Seguimos medrando e iso é o que importa”, resaltou o concelleiro, ao tempo que garantiu o apoio do Concello de Vigo a este tipo de eventos que “desde a Universidade apoian ao tecido produtivo desta cidade”.

Participaron tamén nesta inauguración os responsables das tres escolas: Rebeca Díaz, de Enxeñaría de Telecomunicación; Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, e José Fariña, de Enxeñería Industrial. Os tres se amosaron “tremendamente orgullosos” do talento amosado polo alumnado das tres escolas, algo que demostran ano a ano nunha actividade que cada vez vai a máis, tal e como apuntou a actual coordinadora xeral, Carlota Cañamero, quen adiantou que ás 41 empresas que participan este ano no foro hai que sumar outras 20 firmas que están en lista de agarda. “Que haxa empresas agardando para poder participar no foro non é algo anecdótico, senón que detrás hai un traballo de moitos anos”,  salientou Rebeca Díaz.

Durante o evento destacouse tamén o papel das mulleres en todas estas actividades. Fíxoo Elena Alonso, quen lembrou que diferentes informes organizados por organismos internacionais identifican a tecnoloxía e a enxeñaría como sectores nos que se vai xerar máis crecemento “e as mulleres que estamos a formar nestes tres centros están perfectamente formadas para incorporarse a ese mercado laboral”.

Do sector enerxético ao da automoción, pasando polo aeroespacial

Ao longo de tres días, desde hoxe ata o xoves, haberá  múltiples actividades nas tres escolas. Os postos das máis de 40 empresas participantes sitúanse nos vestíbulos de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e en Enxeñería Industrial. Participan empresas de moi disintos sectores, pero todas teñen en común a necesidade de incorporar ao seu cadro de persoal o mellor talento TIC. Hai representantes do sector da enxeñaría e servizos dixitais como Centum, Optare Solutions, Imatia Innovation ou a compañía xaponesa NTT Data, especializada en integración de sistemas;  do sector aeroespacial, como a viguesa Alén Space ou CATEC, o Centro Avanzando de Tecnoloxías Aeroespaciais; da automoción, como Borgwarner ou o CTAG, Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia; do enerxético como Norvento ou Naturgy; do alimentario, como Coren; de servizos de auditoría e consultaría, como PWC España ou Deloitte; do naval, con firmas como Navantia…

Tres días de conferencias, obradoiros, entrega de currículos…

Ademais dos postos das empresas o programa inclúe moitas outras actividades. Entre outras, está previsto unha recollida de currículos, na que alumnas e alumnos poden entregar o seu CV ao persoal de recursos humanos das empresas participantes; conferencias ás que todo o mundo pode asistir e informarse sobre o funcionamento das empresas de enxeñaría e os últimos avances de determinados sectores, e tamén diferentes obradoiros organizados polas empresas nos que se lle propoñen ao alumnado retos e actividades para comprobar as súas aptitudes e a súa formación transversal.