324 estudantes internacionalizan os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense

Italia é o principal país de procedencia e as mulleres duplican en número aos homes

A Universidade de Vigo é neste curso 2022/2023 máis internacional que o pasado, ao acadar no primeiro cuadrimestre a cifra de 324 estudantes estranxeiros, fronte aos 277 do curso 2021/2022. Logo do brusco descenso experimentado no número de estudantes entrantes nos últimos anos por mor da pandemia, a UVigo recupérase progresivamente, aínda que o escenario internacional segue sen ser o idóneo para os intercambios, como sinala a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo. “A cifra é bastante positiva porque aínda que rematou a pandemia estamos nun escenario bastante incerto. Ademais do coronavirus está a situación económica , os alugueres nalgunhas cidades están absolutamente disparados, a incerteza da guerra en Ucraína … Non é o mellor momento para facer unha estancia, por iso valoramos moi positivamente a progresión, aínda que a nosa intención é traballar para volver a conseguir e superar as cifras anteriores á pandemia”, explica.

Do total de 324 estudantes estranxeiros que neste primeiro cuadrimestre cursarán os seus estudos nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, e dos que 47 estarán na UVigo todo o ano, 218 son femininos, 105 masculinos e un, non binario. Por países de orixe Italia volve situarse á cabeza con 66 estudantes, seguido de Alemaña con 50, Francia con 33, México con 31, Polonia con 29, Reino Unido con 13 e Brasil con 11. Por programas, o Erasmus+ con 234 é o que máis estudantado foráneo trae á UVigo, mentres que a través de convenios bilaterais chegan este primeiro cuadrimestre 73 alumnos e alumnas. A relación complétase con 10 ISEP, catro Eramus+ prácticas e tres estudantes visitantes estranxeiros. “O alumnado internacional estase a atopar unha Vicerreitoría de Internacionalización totalmente dedicada á tarefa de que teñan a mellor estancia, desde o punto de vista académico e humano. Para iso imos organizar actividades para que se sintan acollidos nos campus”, destaca Maribel del Pozo, que lembra que o reitor xa incidira na súa campaña en que quería unha UVigo máis igualitaria, galega e internacional e, “esta aposta do novo equipo penso que se traducirá en máis medios e iniciativas para conseguir que o alumnado teña unha experiencia satisfactoria e os que pensan en vir non o dubiden e elixan UVigo como destino para unha experiencia internacional”.

Distribución por campus e centros

Con 248 estudantes, o campus de Vigo é o que máis alumnado estranxeiros concentra este cuadrimestre. A Facultade de Filoloxía e Tradución con 85 alumnos e alumnas é a que maior número de estudantes estranxeiros suma, destacando a presenza dos procedentes de Polonia (20), Alemaña (16) e Italia (15). A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 62 estudantes, a Escola de Enxeñaría Industrial con 35, a Facultade de Ciencias de Ciencias Xurídicas e do Traballo con 24 e a de Comercio con 20, son os centros do campus vigués con maior número de estudantes entrantes.

O campus de Pontevedra suma este cuadrimestre 49 alumnos e alumnas estranxeiros, que se concentran, na súa maior parte, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (33), seguida de Ciencias da Educación e do Deporte (7), Belas Artes (5), Fisioterapia (3) e Dirección e Xestión Pública (1). Pola súa banda, 26  estudantes estranxeiros elixiron o campus de Ourense coa seguinte distribución: 7 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; 5 en Ciencias e en Dereito; 4 na Escola Superior de Enxeñaría Informática; 2 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e na Facultade de Educación e Traballo Social e 1 na Escola Universitaria de Enfermaría.

“A UVigo segue a ser unha universidade atractiva no campus de Vigo e tamén en Pontevedra e Ourense, que son cidades moi acolledoras. Precisamente na  Conferencia e exposición anual da European Association for International Education (EAIE) na que participamos a semana pasada en Barcelona, reitores coreanos comentáronnos o felices que son os seus alumnos nos tres campus”, explica a vicerreitora de Internacionalización.  

Como acadar unha universidade máis internacional

América Latina e os países lusófonos, tanto Brasil, como os do continente africano, son, segundo Maribel del Pozo os celeiros naturais da UVigo á hora de procurar un incremento no seu número de estudantes estranxeiros, un obxectivo para o que a vicerreitora confirma a asistencia a eventos que se van celebrar en universidades chilenas, arxentinas e tamén nos países de fala portuguesa. “Queremos captar este alumnado non só coa intención de que veñan un curso, senón que se queden aquí, porque Galicia está sufrindo unha grave crise demográfica e traer alumnado novo que estude e logo se quede a traballar aquí e forme aquí familia, é algo ao que tamén aspiramos”, asegura.

A pertenza da UVigo á alianza da universidade europeas ATHENA, é para Maribel del Pozo outro elemento diferenciador á hora de acadar unha universidade máis internacional e neste sentido avanza que “nos presentaremos a unha nova solicitude dun proxecto de European Universities en marzo de 2023, que estou segura que aumentará moitísimo os nosos niveis de internacionalización”. Outro piar fundamental que Del Pozo menciona á hora de seguir incrementando o número de estudantes estranxeiros é a necesidade de traballar na docencia en inglés, facilitando que o profesorado poida impartir as clases neste idioma a través de programas de formación e incentivos.