250 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría debaten sobre os valores da súa profesión

A I Xornada de TCAEs da Área Sanitaria de Vigo que se celebra mañá leva por lema “Formación e humanización: valores da nosa profesión”

A Área Sanitaria de Vigo conta cun millar de TCAEs, que desenvolven unha actividade fundamental na prestación de coidados aos pacientes

Baixo o lema “Formación e Humanización: Valores da nosa profesión” a Unidade de Docencia e Formación Continuada da Área Sanitaria de Vigo  celebrará mañá a I Xornada de Técnicos  en Coidados Auxiliares de Enfermaría  (TCAEs)

ZFV

Neste encontro participarán un total de 250 profesionais  da Área Sanitaria, de Atención Primaria e Hospitalaria.

Segundo explica a presidenta do comité organizador e coordinadora deste colectivo, a TCAE Modesta Riobó, “trátase do primeiro encontro do noso colectivo e estamos moi contentas e sorprendidas pola boa acollida desta xornada. Os obxectivos da mesma son fundamentalmente, a posta en valor da Formación e Humanización como eixos da nosa profesión,  fomentar unha asistencia sanitaria baseada nos coñecementos e a Formación Continuada e dar visibilidade ao noso traballo a través das comunicacións presentadas.”

Actividade fundamental na prestación de coidados

No momento actual, a Área Sanitaria de Vigo conta cun millar de TCAEs. Son profesionais autónomas, integradas en equipos multidisciplinares, que traballan en  coordinación coa enfermeira, e que realizan unha actividade fundamental que repercute na mellora da calidade asistencial que, dentro do equipo de saúde,  prestan á sociedade.