140 nenos de 26 concellos desfrutarán na Lanzada da décima quenda dos campamentos “Depo Aventura”

Os pequenos entre 8 e 13 anos participarán en actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten no Grove

Desde este domingo 27 de agosto ata o próximo sábado 2 de setembro, un total de 139 nenos e nenas de 26 concellos da provincia participarán na décima quenda dos campamentos de “Depo Aventura” A Lanzada. Ao longo desas seis xornadas, grazas á Deputación de Pontevedra desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas que contribuirán ao seu enriquecemento persoal e a coñecer lugares fóra da súa contorna habitual.

Nesta décima quenda de “Depo Aventura”, as 71 nenas e 68 nenos (todas e todos nados entre os anos 2010 e 2015) proceden de Vigo (88), Pontevedra (10), Redondela (6), Gondomar (4), Marín (4),  Cuntis (3), Nigrán (3), Meaño (2), Tui (2), Agolada (1), Baiona (1), Barro (1), Cangas (1), A Cañiza (1), Covelo (1), Forcarei (1), O Grove (1), Mos (1), Pazos de Borbén (1), Poio (1), Ponteareas (1), O Porriño (1), Salvaterra do Miño (1), Sanxenxo (1), Soutomaior (1) e Vilagarcía de Arousa (1).

A Deputación ofrécelle ás nenas e nenos do campamento un programa de actividades que, baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, está destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Ademais, a cativada realizará un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de “Depo Aventura” 2023, as crianzas realizan excursións relacionadas coa natureza e o coidado do medio ambiente.

Nesta edición de “Depo Aventura”, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en once quendas.